A Deputación presenta aos colectivos veciñais de Pontevedra os programas de Acción Comunitaria, dotados con 2,4 millóns de euros, un 20% máis que o pasado ano

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, acompañado do deputado Javier Tourís, puxo en valor estes programas que no ano 2024 beneficiaron a oito entidades de Pontevedra con preto de 75.000 euros

20/02/2025

Rafa Domínguez presenta los programs de acción comunitaria en Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do deputado provincial Javier Tourís, reuniuse esta tarde co movemento asociativo e veciñal de Pontevedra para informalo sobre as bases dos programas que impulsará a área de Acción Comunitaria durante o ano 2025: Provincia Comunitaria e +Aqua, que repiten trala grande acollida das súas primeiras edicións, e o novo +Novaqua. En conxunto, recibirán un orzamento inicial de 2,4 millóns de euros, un 20% superior ao do pasado ano.

Rafa Domínguez puxo en valor estes programas para a cidade ao poñer o acento nos colectivos veciñais, “nas entidades que están día a día en contacto coa cidadanía, traballando para mellorar a súa calidade de vida, para fomentar a súa participación social, ofrecéndolles un amplo abano de actividades”. Neste eido lembrou que o pasado ano foron oito as entidades de Pontevedra que se beneficiaron dos programas de Acción Comunitaria da Deputación, con preto de 75.000 euros de recursos. No caso do Plan Provincia Comunitaria, tal e como detallou Domínguez, foron catro as asociacións da cidade que recibiron 36.000 euros para realizar actuacións nos locais das asociacións e dotalas de equipamentos informáticos ou mobiliario. No que respecta ao +Aqua, o vicepresidente lembrou que foron outras catro as comunidades de augas beneficiadas de 39.000 euros para mellorar o control, a calidade e a xestión da auga, os depósitos e as traídas de auga.

Pola súa banda Javier Tourís lembrou que “as bases dos programas de Acción Comunitaria xa están publicadas e os colectivos xa poden optar ás axudas, nun ano no que temos máis programas, máis recursos e máis potenciais beneficiarios”. Tamén remarcou que “sabíamos que era unha necesidade e unha conta pendente da Deputación despois de oito anos ignorando o tecido asociativo, sen plans específicos de axudas para os seus proxectos”. Por iso “era unha obriga recuperar a colaboración e seguir avanzando na modernización do noso territorio, e estes programas son xa unha figura clave na cohesión e o equilibrio territorial da provincia”. O deputado destacou novidades como a simplificación administrativa dos plans así como a captación de fondos estatais, cos que “somos un referente en España na atención ao movemento veciñal e imos consolidar o noso modelo”.

Galerias de imagenes