Abren as inscricións para asistir e presentar comunicacións no Congreso Nacional de Numismática, que acollerá o Museo de Pontevedra en setembro
O Museo organiza, xunto á Sociedade Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN), a décimo sétima edición desta cita que reúne as e os maiores expertos e profesionais deste ámbito en España.
31/01/2024
O Museo de Pontevedra e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos (SIAEN) acaban de abrir o prazo de inscrición para participar no XVII Congreso Nacional de Numismática, que se desenvolverá en Pontevedra do 12 ao 14 de setembro deste ano. Desde hoxe é posible inscribirse para asistir ao congreso como oínte, e tamén para solicitar a participación mediante comunicacións. Toda a información e os formularios atópanse en https://museo.depo.gal/congreso-nacional-de-numismatica.
A inscrición como oínte no congreso implica o pago dunha taxa de 30 €, que será de 40 € a partir do 1 de xullo. As persoas en situación de desemprego que así o acrediten poderán asistir de maneira gratuíta. A asistencia ao congreso será recoñecida mediante un certificado expedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, terá o recoñecemento de actividade formativa complementaria no seu programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte.
Por outra banda, o congreso está aberto á participación mediante comunicacións. Para que un comité científico valore a súa inclusión no programa, as propostas deberán enviarse antes do 15 de abril. As comunicacións aceptadas presentaranse dentro do programa do congreso e recolleranse posteriormente nas actas, cuxa publicación correrá a cargo do Museo Casa da Moeda de Madrid.
Esta edición do Congreso Nacional de Numismática, a primeira desde a de 2018 en Barcelona, está organizada polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa SIAEN, co patrocinio da Real Casa da Moeda. Terá como lema “Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento”. Baixo este epígrafe programaranse conferencias e mesas de debate. Tamén haberá cabida para a presentación de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento.
A programación completarase con actividades didácticas e coa exposición “O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo”, na que se exhibirán pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada pola conservadora do Museo de Pontevedra Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, a do coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega.
A décimo sétima edición do congreso pretende xerar un espazo de diálogo común no que participen especialistas e persoas iniciadas, achegar a disciplina a quen non a coñece e xerar un compromiso de coparticipación entre aqueles que a manteñen vixente, en aras de crear novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encargarase Antonio Roma Valdés, fiscal, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.
Desde que en 1972 se celebrou a primeira edición en Zaragoza, o Congreso Nacional de Numismática é o espazo no que se dan a coñecer os últimos achados monetarios e onde se intercambian coñecementos entre todos os axentes implicados neste ámbito: museos, investigadores e coleccionistas.
A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da colección numismática do Museo. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedad Arqueológica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando a colección ata as arredor de 15.000 pezas coas que conta na actualidade.