A Deputación abre o prazo para solicitar a doazón de especies vexetais de Areeiro para enriquecer os xardíns públicos da provincia

Os concellos e colectivos interesados poden efectuar desde maña, 9 de maio, ata o 30 de novembro, as súas peticións e elixir entre máis de 90 especies diferentes

08/05/2024

A Deputación de Pontevedra abre mañá, 9 de maio, o prazo para solicitar a doazón de especies vexetais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. O obxectivo é que concellos, centros educativos, comunidades de montes, institucións ou asociacións e particulares da provincia con xardíns abertos ao público de maneira gratuíta, poidan enriquecer a diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos mesmos, cos seus consecuentes beneficios para a cidadanía e o medio, preservar os valores ambientais e reforzar o carácter educativo e turístico dos espazos verdes da provincia. O prazo para solicitalas está aberto desde mañá, xoves 9 de maio, e ata o vindeiro 30 de novembro de 2024.

En concreto, as especies vexetais que poden solicitarse son excedentes das cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano, hai preto de 90 especies para elixir, entre as que figuran bidueiros, abeleiras, cipreses, acivros, nogueiras, loureiros, piñeiros, sobreiras, carballos, roseiras ou olmos, entre moitas outras. Tamén se ofrecen camelias, en concreto das especies xapónica, sasanqua, reticulata ou cultivares híbridos.

As entidades e persoas poden solicitar ata 35 exemplares diferentes nunha única solicitude, que poderán facer ata o vindeiro 30 de novembro, de maneira telemática a través da sede electrónica da Deputación, se ben as persoas físicas poderán optar tamén por facelo de forma presencial. A doazón está condicionada á presentación dunha memoria xustificativa que debe incluír un esbozo (plano sinxelo) do lugar no que se localizará cada un dos exemplares, unha descrición do lugar escollido e fotografías da zona ou zonas onde se plantarán, para que a Estación Fitopatolóxica poida determinar se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo. No caso de que considere que non, poderá suxerir á entidade interesada outras máis adecuadas. Unha vez entregados os exemplares, as persoas beneficiarias deberán identificalos cunha placa na que deberá figurar o logo da Deputación e diferentes datos da especie, así como un código QR para acceder á información de maneira telemática.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.