A Deputación abre este luns o prazo para que as ONGD se beneficien das axudas de cooperación ao desenvolvemento
As ONGD terán 20 días hábiles de prazo para presentar a súa solicitude para optar a esta liña de axudas, que conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de proxectos en países empobrecidos
16/02/2024
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra acaba de publicar as bases das subvencións destinadas ás ONGD para axudas de cooperación ao desenvolvemento. Estas entidades terán 20 días hábiles de prazo para presentar a súa solicitude para optar a esta liña de axudas, que conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de proxectos en países empobrecidos.
A través desta liña de axudas da Deputación de Pontevedra, subvencionarase un total de tres proxectos de cooperación ao desenvolvemento que promovan proxectos sociais aliñados coa Axenda 2030, un por entidade, cun máximo de 15.000 € por cada un deles. En concreto, deberán ser iniciativas que contribúan á erradicación da pobreza multidimensional, á igualdade de xénero, á defensa da sostibilidade ambiental e loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado en dereitos humanos, ao respecto pola diversidade cultural e á promoción da interculturalidade, á loita contra as desigualdades e á participación cidadá e ao fortalecemento institucional e da sociedade civil.
Terán prioridade os proxectos desenvolvidos nalgúns dos once países considerados xeograficamente estratéxicos: da África subsahariana (Cabo Verde-Guinea-Bissau e Mozambique); da América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador); da América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú); e do Caribe (República Dominicana). Ademais daqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias; así como aqueles nos que a cooperación galega demostrase unha ampla experiencia de traballo e os considerados países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo.
Poden optar a estas axudas da Deputación, as ONGD inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta que teñan domicilio social ou delegación permanente na provincia de Pontevedra e que realicen actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre pobos.