A Deputación mantén aberta ata o venres a preinscrición para optar aos Premios Provinciais á Xuventude, que repartirán 36.000 euros entre as mellores iniciativas

A edición deste ano inclúe once categorías de galardóns para recoñecer o talento de mozas e mozos da provincia, entre as que se inclúe por primeira vez a destinada a proxectos de agrupacións estudantís

22/04/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este venres 26 de abril o prazo de preinscrición para optar aos Premios Provinciais á Xuventude que este ano repartirán 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade. Estes premios buscan promover o talento e o potencial da xuventude, estimular e recoñecer a súa traxectoria, o seu esforzo e o seu compromiso, así como labores relevantes que promovan en distintos ámbitos. Unha vez rematada a preinscrición e validadas as candidaturas, as persoas solicitantes deberán presentar os seus proxectos antes do 19 de agosto.

Nesta edición dos premios haberá once categorías, entre as que destaca a de proxectos de agrupacións estudantís, convocada por primeira vez e dotada cun orzamento de 2.000 euros repartido en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros. En concreto, estes premios están dirixidos tanto a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos da provincia coma a agrupacións estudantís e centros educativos de carácter público cuxo alumnado teña entre 12 e 18 anos. Ademais, convócanse as categorías de iniciativa empresarial, dotada con 4.000 euros; educación en valores, con 2.000 euros; investigación (coas subcategorías de ciencias, arquitectura e enxeñería e a de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas), con 8.000 euros; contido audiovisual, con 2.000 euros; traballo musical (música clásica e outros xéneros), con 4.000 euros; traballo literario breve (narrativa e poesía), con 4.000 euros; banda deseñada, con 2.000 euros; fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía), con 4.000 euros; deseño e moda, con 2.000 euros; e reacción polo clima, con 2.000 euros.

En xeral, a estes Premios Provinciais á Xuventude poden presentarse persoas de 16 a 35 anos empadroadas na provincia de Pontevedra, se ben nas categorías de iniciativa empresarial e de reacción polo clima tamén poden concorrer persoas xurídicas nas que polo menos un 75 % da xunta directiva ou das e dos administradores teñan esa idade. Nesta última, ademais, tamén poden presentarse centros de educación secundaria en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, aos que tamén está dirixida a categoría de educación en valores. Nesta categoría o importe do premio deberá destinarse na súa totalidade á adquisición de material, a saídas educativas, a proxectos escolares, a bolsas para o alumnado ou a calquera outra actividade que teña relación directa coa programación do centro.

Enlaces de interés