A Deputación de Pontevedra dedica aos olímpicos e paralímpicos da provincia a Gala do Deporte que se celebrará en Vigo o 8 de novembro

A gala , que a institución provincial está a organizar na cidade da oliveira, centrarase nun recoñecemento aos participantes nos Xogos de París, cunha mención especial aos logros e méritos máis salientables dos deportistas pontevedreses na tempada do 2024

30/10/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra dedicará a Gala do Deporte aos olímpicos e paralímpicos da provincia, tal e como hoxe anunciou a vicepresidenta Luisa Sánchez, coincidindo cunha visita ao pavillón do IES Castelao de Vigo, lugar elixido para a celebración o vindeiro 8 de novembro a partir das 19.00 horas. Segundo informou a representante provincial, o evento centrarase nun recoñecemento aos participantes nas Olimpíadas e Paralimpíadas de París 2024.

A responsable provincial, quen tivo a oportunidade de supervisar a planificación da montaxe no pavillón do centro escolar con parte do equipo técnico, prometeu unha gala “inusual e chea de sorpresas, que non deixará a ninguén indiferente”.

Xunto a este homenaxe aos participantes nos Xogos de París, o deporte provincial terá un lugar destacado no contido da gala, na que se recoñecerán de forma destacada os logros e méritos máis salientables dos deportistas da provincia na tempada do 2024.

A gala, que incluirá proxeccións audiovisuais, música e exhibicións deportivo-artísticas, estruturarase en tres grandes bloques, dedicando un terceiro eixo temático á provincia como escenario de grandes eventos deportivos; sede de O Gran Camiño, do Internacional 6 Days of Enduro, do Mundial de Ciclocrós, da Vuelta Ciclista ou dos partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina de balonmán, entre outras citas destacadas.

Xa por último, a vicepresidenta adiantou que unha grande figura do deporte provincial será homenaxeada nesta nova edición, unha tradición iniciada na gala do 2023, aínda que preferiu non dar maiores detalles para manter a expectación.

Noutra orde, Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para facer pública a resolución das axudas convocadas pola institución provincial para os deportistas da provincia que participaron nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos, e da que resultaron beneficiarios 24 deportistas da provincia, cunha achega individual de 5.208,33 euros. A liña está dotada dun crédito de 125.000 euros, e o goberno provincial púxoa en marcha tendo en conta que máis da metade dos deportistas galegos que competiron en París 2024 son da provincia de Pontevedra.  

Galerias de imagenes