A Deputación mantén o prazo aberto para solicitar actuacións ao abeiro de “Culturea”

O programa cultural está dotado cun millón de euros, un 20 % máis que o destinado en 2023. As asociacións veciñais e as comisións de festas da provincia poden solicitar actuacións dun catálogo de ata 1.300 grupos de música, teatro ou danza, entre outros

07/02/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo para solicitar actuacións ao abeiro do novo programa “Culturea”, cuxo principal obxectivo consiste en espallar e manter viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia. Este programa, dotado cun millón de euros, un 20 % máis que o destinado en 2023, pon a disposición das asociacións veciñais e comisións de festas un catálogo que reúne máis de 1.300 profesionais da cultura e que se configura como un inventario de grupos, artistas e compañías de diferentes disciplinas artísticas: música, teatro ou danza, entre outras.

As asociacións veciñais e as comisións de festas da provincia poderán solicitar un dos grupos incluídos no catálogo para as súas actividades culturais realizadas durante 2024, que deberán ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre. A Deputación, con cargo a este programa, retribuirá as actuacións dos grupos cun importe máximo que vai dos 200 aos 800 euros, dependendo da modalidade da que formen parte, mentres que o resto do caché deberá aboalo a entidade solicitante.

As solicitudes de actuacións poderán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación cunha antelación mínima de 15 días con respecto á data de realización da actuación. Á hora de estas adxudicárense, apostarase polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías na repartición de fondos das solicitudes que reúnan os requisitos. Ademais, as entidades interesadas poderán solicitar un único evento mensual, ata un máximo de seis ao ano.