A Deputación leva ata A Estrada o ciclo Aquí Faltan Páxinas para afondar na figura pioneira de Avelina Valladares
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro este xoves 18 de abril, ás 19 horas, no Museo do Moble e da Madeira da vila, e a xornalista estradense Laura Filloy será a encargada de detallar a vida e traxectoria desta muller pioneira
17/04/2024
A loita de Avelina Valladares por ocupar un espazo propio nas letras protagonizará este xoves no Museo do Moble e da Madeira da Estrada unha nova entrega do ciclo da Deputación Aquí Faltan Páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro ás 19 horas e a xornalista estradense Laura Filloy, autora do artigo Avelina Valladares, a muller sen rostro, será a encargada de detallar a vida e traxectoria desta muller pioneira das letras.
O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun podcast do que se poderá gozar desde este xoves tanto na web institucional coma en Ivoox e Spotify. Nel recordarase a Valladares como unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa, ademais de ser precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas. Nun século XIX marcado pola inestabilidade política e a recuperación do galego na escritura, as voces do seu tempo eloxiárona e comparárona con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais dos seus textos, deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos executados con destreza.
A segunda colección do ciclo Aquí Faltan Páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano e, ademais de Avelina Valladares, tamén contempla a traxectoria de mulleres coma a física Inmaculada Paz Andrade; a política e activista Urania Mella; a combatente María Araujo; a raíña Urraca I de León, a Temeraria; as madriñas de San Simón; as leiteiras de Pontevedra; a pintora Mercedes Ruibal; a música María Pardo; a fotógrafa Mary Quintero e a mestra Placeres Castellanos.