A Deputación iluminará este sábado o Pazo provincial en apoio ás persoas que sofren Alzhéimer e os seus achegados

A institución provincial mantén un total compromiso na loita contras as enfermidades neurodexenerativas. Este mesmo mércores, a deputada provincial Sandra Bastos fixo entrega na sede de Vigo do premio anual de relato curto de AFAGA

18/09/2024

Sandra Bastos na entrega do premio de relato curto de AFAGA

A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo provincial de verde durante a madrugada do sábado 21 de setembro, desde as 0:00 horas ata as 8:00 horas do domingo 22, co gallo do Día Mundial do Alzhéimer. Deste xeito, a institución provincial únese ás iniciativas promovidas por AFAGA Alzhéimer como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza e mais cos seus achegados.

O ente provincial mantén un total compromiso na loita contra as enfermidades neurodexenerativas en xeral, e co Alzhéimer en particular, uníndose ás campañas e proxectos que, como a desenvolvida este ano por AFAGA coincidindo co seu 30º aniversario, sensibilizan e dan visibilidade á enfermidade. Este mesmo mércores a deputada provincial Sandra Bastos fixo entrega na sede de Vigo da institución do premio anual de relato curto deste colectivo, que é ademais un dos integrados no proxecto “Alzhéimer de preto” desenvolvido por FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias) para realizar sesións informativas para dar a coñecer as enfermidades neurodexenerativas entre a poboación da provincia de Pontevedra. A institución provincial tamén apoia outros colectivos que centran a súa actividade nesta doenza, como Afapo, AFAMO ou Afasal, que prestan atención na provincia.

A Deputación, tal e como recordou a deputada provincial Sandra Bastos na entrega do premio de relato curto de AFAGA, considera de vital importancia sumarse a iniciativas que teñen como obxectivo concienciar a cidadanía, informar sobre trastornos como o Alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas, así como amosar todo o seu apoio ás persoas doentes e ás súas familias.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.