A Deputación humanizará a rúa Pérez Viondi da Estrada para garantir unha mobilidade máis segura no principal acceso ao centro urbano desde o sur

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitaron a zona na que se executarán os traballos, que serán unha actuación prioritaria para a institución provincial

26/12/2024

A Deputación humanizará a rúa Pérez Viondi da Estrada

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitaron a rúa Pérez Viondi, da que a Deputación de Pontevedra asumirá a súa humanización. Esta actuación foi comprometida polo presidente provincial, Luis López, nun encontro institucional que mantivo co rexedor local os pasados días no Pazo provincial. Será unha cuestión prioritaria entre os numerosos proxectos que a Deputación levará a cabo na Estrada, que en 2025 xa ten unha previsión de asignación de fondos próxima aos 3 millóns de euros.

A futura humanización da rúa Pérez Viondi significará actuar nun treito de 300 metros da EP-7001, de titularidade provincial, situado entre a Avenida Benito Vigo e a estrada de Ouzande, nunha zona onde se localiza un centro educativo. A obra, polo tanto, requirirá reordenar os tráficos tanto rodado como peonil para garantir unha mobilidade segura. Cómpre lembrar que Pérez Viondi funciona como a principal rúa de acceso ao centro urbano desde o sur, polo que o goberno local a situou como un dos seus principais obxectivos para continuar a mellora urbana do centro da vila emprendida nos últimos anos. En base ao seu afán municipalista, a Deputación de Pontevedra tamén a afrontará como unha cuestión prioritaria.

De cara a 2025, a Deputación de Pontevedra ten unha previsión de asignación de fondos na Estrada que ascende a 2,8 millóns de euros soamente a través dos plans de cooperación municipal. Deste xeito, aos 1,7 millóns de euros do Plan +Provincia súmanselle ata 800.000 euros do Plan Extra, así como máis de 200.000 euros do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.