A Deputación financia integramente a mellora da mobilidade peonil na estrada Arbo-Cabeiras-Barcela cun investimento de 416.000 euros

O presidente da Deputación Luis López remarcou que a actuación, avanzada xa ao alcalde de Arbo na xuntanza mantida esta semana entre ambos dirixentes, permitirá mellorar a contorna e os espazos públicos na contorna de San Sebastián de Cabeiras (Arbo)

10/05/2024

Xunta de goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Arbo para a mellora da mobilidade peonil no treito antigo da EP- 5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, na contorna de San Sebastián de Cabeiras, cun orzamento de 416.000 €. Unha actuación que foi xa avanzada ao alcalde de Arbo na xuntanza mantida co presidente da Deputación de Pontevedra esta semana e que, tal e como explicou Luis López, será financiada ao 100% pola institución provincial, “xa que o Concello vai cubrir o 20% (83.000 €) que lle corresponde no marco do convenio cunha achega do Plan +Provincia”.

O obxectivo destas obras é reordenar e mellorar a contorna e espazos públicos no ámbito da Igrexa e do Campo da Festa, incluíndo o viario de acceso a ambos equipamentos, nun tramo de 268 metros. O proxecto inclúe a renovación dos pavimentos de todo o treito, a mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais, tamén a renovación do alumeado e das redes de abastecemento, telefonía e electricidade.  Deste xeito, a través da actuación, tal e como subliñou o presidente, vaise mellorar un espazo singular de Arbo que, “beneficiará a todos os veciños, xa que na actualidade a plataforma é moi irregular e non hai espazos adecuados para os peóns, o que da lugar a situacións de risco e inseguridade”.

O presidente da Deputación remarcou que iniciativas como esta están a permitir “seguir avanzando na transformación das estradas provinciais desta provincia para alongar a súa vida, garantir a seguridade e, tamén, evitar ter que acometer obras maiores”. Neste eido, Luis López instou ao Goberno de España a “facer o mesmo traballo nas estradas nacionais que atravesan a provincia de Pontevedra, que levan moitos anos cunha ausencia total de mantemento. Ogallá tome nota do exemplo e do que está a facer a Deputación de Pontevedra nos seus viarios”.