A Deputación convoca os VIII Premios Provinciais á Xuventude, que repartirán 36.000 euros entre as mellores iniciativas
A edición deste ano inclúe once categorías de galardóns para recoñecer o talento das mozas e dos mozos da provincia, entre as que se inclúe por primeira vez a destinada a proxectos de agrupacións estudantís
25/02/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha os VIII Premios Provinciais á Xuventude, que este ano repartirán un total de 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade, co obxectivo de promover o seu talento e potencial. Desta maneira, búscase estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das e dos mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Coa publicación das bases este luns no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o prazo de preinscrición comezará o martes 27 de febreiro e estenderase ata o 26 de abril. Unha vez validadas as candidaturas, as persoas solicitantes deberán presentar os seus proxectos antes do 19 de agosto.
Nesta oitava edición dos premios haberá once categorías, entre as que destaca a de proxectos de agrupacións estudantís, convocada por primeira vez e dotada cun orzamento de 2.000 euros repartido en tres premios de 1.000, 600 e 400 €. En concreto, estes premios están dirixidos tanto a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos da provincia como a agrupacións estudantís e centros educativos de carácter público cuxo alumnado teña entre 12 e 18 anos. Ademais, convócanse as categorías de iniciativa empresarial, dotada con 4.000 €; educación en valores, con 2.000 €; investigación (coas subcategorías de ciencias, arquitectura e enxeñería e a de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas), con 8.000 €; contido audiovisual, con 2.000 €; traballo musical (música clásica e outros xéneros), con 4.000 €; traballo literario breve (narrativa e poesía), con 4.000 €; banda deseñada, con 2.000 €; fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía), con 4.000 €; deseño e moda, con 2.000 €, e reacción polo clima, con 2.000 €.
En xeral, a estes VIII Premios Provinciais á Xuventude poden presentarse persoas de 16 a 35 anos empadroadas na provincia de Pontevedra, se ben nas categorías de iniciativa empresarial e de reacción polo clima tamén poden concorrer persoas xurídicas nas que polo menos un 75 % da xunta directiva ou dos administradores teñan esa idade. Nesta última, ademais, poden presentarse centros de educación secundaria en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, aos que tamén está dirixida a categoría de educación en valores, na que o importe do premio deberá destinarse na súa totalidade á adquisición de material, a saídas educativas, a proxectos escolares, a bolsas para o alumnado ou a calquera outra actividade que teña relación directa coa programación do centro.