A Deputación celebra o Ano Castelao no Museo de Pontevedra con visitas guiadas e diferentes actividades ao longo do ano

As propostas comezaron o pasado 7 de xaneiro, día no que se cumpriron 75 anos da morte do artista e intelectual galeguista, e continuarán en febreiro

10/01/2025

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra participa na celebración do Ano Castelao, no que se conmemora o 75 aniversario do falecemento do artista e intelectual galego, no Museo de Pontevedra cunha ampla programación para celebrar a súa vida e legado. Unha programación que, como explicou o presidente provincial, Luis López, arrancou o pasado martes 7 de xaneiro, cunha visita guiada e unha sesión de cine e música, mais que continuará ao longo de todo o ano. “Queremos, con estas actividades, e nun ano tan especial como este, manter vivo entre nós a Castelao, na cidade que tanto quería e nunha provincia coa que tiña tan fondo vínculo como a nosa, como era a súa vontade”, confirmou.

En concreto, as visitas guiadas ás salas que o Museo de Pontevedra lle dedica a Castelao  e que se estrearon o pasado 7 de xaneiro con grande éxito, repetiranse todos os primeiros martes de cada mes, sendo a próxima o 4 de febreiro, e é necesario reservar prazas a través da web.

Ademais, López animou a todos e todas as pontevedresas a descubrir o legado e a vida “dun dos nosos máis ilustres intelectuais” a través da web do Museo, ben explorando as obras que forman a súa colección no Museo, realizando unha visita virtual polas salas do Museo ou descargando en PDF o libro ‘Esenciais. Castelao no Museo de Pontevedra, unha introdución á súa figura e á obra presentes na nosa institución . 

videos

audios