A Deputación avanza en “Biocosteiro”, o proxecto para conservar e mellorar a biodiversidade en hábitats costeiros galaico-lusos

Esta iniciativa conta cun orzamento de 750.000 euros e está financiada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Xunto á Deputación son socios de “Biocosteiro” SEO/Birdlife e a Cámara Municipal de Viana do Castelo

30/10/2024

Reunión do proxecto Biocosteiro

A Deputación de Pontevedra acaba de acoller unha xuntanza do proxecto Biocosteiro na que, ademais do deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, se deron cita representantes da Cámara Municipal de Viana do Castelo e representantes de SEO BirdLife. Na xuntanza, os socios do proxecto analizaron o estado de execución das accións desta iniciativa centrada na conservación da biodiversidade en hábitats costeiros galaico-portugueses para promover e lograr un desenvolvemento equilibrado das iniciativas locais.

Biocosteiro trátase dun proxecto que se desenvolve ao abeiro do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que conta cun orzamento total de 750.682 euros, do que o 75% está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo é mellorar a conservación de hábitats costeiros e especies asociadas en España e Portugal, coa posta en marcha, en hábitats da costa atlántica galaico-lusa, principalmente pertencentes á Rede Natura 2000, de iniciativas de conservación da biodiversidade que irán acompañadas doutras actividades de sensibilización.

Deste xeito, na xuntanza, á que seguiu unha visita ao complexo intermareal Umia-O Grove, afondouse na diagnose e estratexia de metodoloxía estandariza conxunta para a implantación de medidas de conservación xa desenvolvida. Tamén se avanzou no informe que está previsto realizar no que se recollen esas medidas de conservación e mellora da biodiversidade e as accións para os diferentes territorios.  No marco de Biocosteiro contémplanse, ademais, accións de xeorreferenciación e monitorización de niños, campañas dirixidas ao sector turístico e á poboación en xeral, actividades de observación ornitolóxica e tamén o desenvolvemento dunha estratexia de turismo responsable e sostible e a elaboración dunha guía de boas prácticas no sector turístico.

Na franxa marítimo-terrestre do espazo transfronteirizo desde a provincia de Pontevedra ata Viana do Castelo conflúen aspectos de especial importancia como a gran riqueza patrimonial, cultural, etnográfica, paisaxística e ambiental. Trátanse de hábitats con importantes funcións ecosistémicas amparados por figuras de protección ambiental internacional —pero que se atopan transformados debido, entre outras causas, ao desenvolvemento turístico—, que comparten especies de aves migratorias, algunhas en situación de protección ou catalogadas en perigo, vulnerables, ameazadas etc., e a presenza dun problema de emerxencia ecolóxica e socioeconómica: as especies exóticas invasoras.

Deste xeito, o traballo desenvolverase de maneira integral, cun marco de colaboración entre os sectores público e privado, mediante o deseño e realización de mellores prácticas de conservación e xestión turística. Nesa liña, A Deputación conta con SEO/BirdLife, con 70 anos de experiencia na conservación da natureza e con persoal científico e ornitólogo experto e de recoñecido prestixio, e a Cámara Municipal de Viana do Castelo, que conta cunha oficina técnica forestal que se dedica á conservación e protección das especies autóctonas.

Galerias de imagenes