A Deputación aproba a adxudicación do programa “+Xuntas” por máis de 300.000 euros

No marco desta iniciativa para a promoción da igualdade desenvolveranse máis de 200 obradoiros relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde

21/05/2024

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este martes a adxudicación do programa “+Xuntas”, cunha oferta de 1.562,29 euros por obradoiro ata chegar a un orzamento de 324.000 euros. O presidente da institución provincial, Luis López, deu conta en rolda de prensa deste avance nunha iniciativa de formación enmarcada na igualdade, cuxos obxectivos pasan por crear redes de apoio para impulsar a participación activa e xerar vínculos entre as participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias.

Beneficiaranse do programa “+Xuntas” as federacións, asociacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. A todas elas ofertóuselle a posibilidade de realizar un total de 207 accións (unha por cada entidade) dun catálogo de 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

O presidente provincial valorou que “despois de celebrar con enorme éxito a semana pasada os primeiros premios ‘E ti, que pensas da igualdade?’, onde nos demos cita con 400 rapaces no auditorio do Centro Príncipe Felipe, hoxe a Deputación dá un paso máis adiante neste eido fundamental para nós e para a sociedade como é a igualdade”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.