A Deputación analiza coa Dirección Xeral de Xuventude a situación da mocidade e as iniciativas para dar resposta ás demandas existentes no ámbito xuvenil

O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, reuniuse coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, no campamento da Lanzada para presentarlle os diferentes programas impulsados polo Goberno provincial no marco do novo Servizo de Xuventude

20/03/2024

Jorge Cubela, reuniuse coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel

O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, reuniuse coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, no campamento da Lanzada para analizar a situación da mocidade e as iniciativas para dar resposta ás demandas existentes no ámbito xuvenil. Durante a xuntanza, Cubela aproveitou para presentarlle a Pichel os diferentes programas impulsados pola institución provincial a través do novo Servizo de Xuventude, creado polo Goberno de Luis López.

Desde a posta en funcionamento do servizo o Goberno provincial ten xa en marcha numerosas iniciativas dirixidas á mocidade. Así, está a elaborar o I Plan estratéxico provincial de xuventude e lanzou os programas “+Xuventude”, o “Campamentos A Lanzada”, os Premios Provinciais á Xuventude ou o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. Tamén está previsto que proximamente se publique unha liña de axudas para dotar os locais xuvenís dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e outra para financiar actividades medioambientais promovidas por ANPAS e centros educativos públicos en granxas escolas da provincia.

Ademais, o Servizo de Xuventude está a traballar na creación dun espazo propio na web institucional con información de programas, iniciativas e recursos dirixidos á mocidade, na constitución do Consello Provincial de Xuventude e na organización dun Encontro Provincial de Xuventude e de mesas de traballo e xornadas técnicas de formación cos concellos.

Galerias de imagenes