A Deputación concede preto de 500.000 euros a Rodeiro para reforzar e pavimentar vías municipais de oito parroquias do concello

As actuacións levaranse a cabo grazas a recursos do Plan +Provincia que aprobará a Xunta de Goberno da Deputación deste venres e que beneficiarán ás parroquias de Az, Guillar, Santa Mariña de Pescoso, O Salto, Camba, Carboentes, Asperelo e Arnego

06/06/2024

A Deputación de Pontevedra investirá preto de 500.000 euros para realizar actuacións de reforzo e pavimentación en rúas e vías das parroquias do Az, Guillar, Santa Mariña de Pescoso, O Salto, Camba, Carboentes, Asperelo e Arnego do Concello de Rodeiro. A subvención, á que dará luz verde este venres a Xunta de Goberno da institución provincial, está enmarcada dentro da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia, o plan máis ambicioso da Deputación que repartiu xa, no que levamos de ano, 30 millóns de euros para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Con esta achega de 497.149 euros, o Concello de Rodeiro poderá mellorar rúas e camiños que se atopan co firme deteriorado debido ao uso, tanto de turismos como de vehículos e maquinaria agrícola ou de transporte de mercadorías, así como do efecto da auga e outras inclemencias. En concreto, os traballos desenvolveranse no camiño de San Cristovo a Cristimil, na parroquia de O Az; nun tramo do camiño desde a estrada PO‐212  ata Vistuide, nas parroquias de Guillar, Santa Mariña de Pescoso e O Az; no camiño de Saa a Santa Mariña, na parroquia de Sta. Mariña de Pescoso; no camiño de acceso ao núcleo da Granxa polo sur, no Salto; no camiño de Aboldrón a Vilameá, en Camba; no camiño de acceso a Barregallos e nun tramo do camiño de Carboentes a Rañestras, na parroquia de Carboentes; no camiño de Alén ao cruce co camiño de Pereira, en Asperelo, e no camiño de Mourigás a Cuñarro e no camiño de acceso a Toiriz, ambos na parroquia de Arnego.

Co obxectivo de mellorar a funcionalidade destas vías, levaranse a cabo diferentes actuacións, que difiren segundo as necesidades de cada un dos camiños. Así, realizaranse desde limpezas de marxes e foxos, ata a reparación do firme, a pavimentación, a limpeza de canos, o reforzo e reparación de firmes, a execución de novas canalizacións, ou a instalación de nova sinalización horizontal, entre outros.

Preto dun millón de euros na mellor ada pavimentación e acceso aos núcleos rurais de Rodeiro

Este medio millón de euros que aprobará a Xunta de Goberno deste venres para pavimentar vías municipais de oito parroquias de Rodeiro completan os 400.000 euros que o goberno de Luis López xestionou a pasada semana para outra catro parroquias: Salto, Rodeiro, Guillar e Álceme, logo de acometer a modificación do proxecto técnico. Deste xeito, en tan só unha semana a Deputación de Pontevedra deu luz verde a preto dun millón de euros para mellorar a pavimentación e o acceso aos núcleos rurais do Concello de Rodeiro.