A Deputación destina 470.000 euros para que 114 entidades sen ánimo de lucro da provincia realicen actuacións no ámbito social
O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 1.000 e os 6.600 euros para proxectos de envellecemento activo, de asesoramento, apoio de diferentes enfermidades, axuda a persoas en risco de exclusión social ou, entre outros, de atención a persoas con discapacidade
31/10/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 470.000 euros para que 114 entidades sen ánimo de lucro de 23 concellos da provincia poidan realizar actuacións no ámbito social. En total, as axudas oscilan entre os 1.000 e os 6.600 euros para financiar proxectos de envellecemento activo, de asesoramento, apoio a diferentes enfermidades, a persoas en risco de exclusión social ou ás familias e, entre outros, para a atención a persoas con discapacidade. O presidente, Luis López, remarcou o compromiso do Goberno provincial coas persoas máis vulnerables “poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida” e subliñou a vontade do goberno provincial de “traballar, a través de iniciativas como esta, para que a veciñanza da provincia teña acceso ás mesmas oportunidades”.
A través desta liña de axudas as entidades sociais poderán financiar proxectos para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. Neste eido, o presidente provincial destacou o éxito da convocatoria, que chega a 114 entidades de 23 concellos da provincia e permitirá beneficiar a unhas 5.000 persoas de forma directa e 15.000 indirecta.
En concreto, benefícianse destas axudas 67 entidades sen ánimo de lucro de Vigo e o sur da provincia, que reciben 283.000 euros; da contorna de Pontevedra serán 20, con 82.000 euros; da comarca do Morrazo, oito entidades contarán con 33.000 euros; da contorna do Salnés e Arousa, 10 entidades beneficiaranse de preto de 34.000 euros desta liña de axudas provinciais; e das comarcas de Deza e Terra de Montes, nove asociacións recibirán máis de 36.000 euros.