A Deputación aproba achegas por valor de 330.000 euros para que Cangas do Morrazo e Fornelos de Montes realicen melloras en equipamentos deportivos
Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
07/03/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 330.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Cangas do Morrazo e Fornelos de Montes realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, "cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera".
En concreto, o Concello de Cangas recibe 243.706 euros para financiar o 100% dos traballos de mantementos correctivos, substitucións dos deteriorados e das luminarias da piscina A Balea. En liñas xerais, as principais melloras céntranse nos vestiarios, onde se instalarán novas cabinas e armarios, ademais de intervirse no piso das duchas. Por outra banda, con estes recursos tamén se mellorará a sala de usos múltiples e a pista de squash, repararanse elementos dos aparellos e máquinas, renóvase o falso teito e adecuaranse os lucernarios verticais para evitar filtracións de auga, entre outros traballos.
Pola súa banda, Fornelos de Montes contará con 85.365 euros de fondos provinciais cos que poderá levar a cabo a mellora da pista multideporte de Calvos e das piscinas municipais. En concreto, no primeiro espazo contémplase a renovación do peche perimetral, que se atopa en mal estado, e no segundo instalarase unha pérgola de sombra, co obxectivo de reducir a exposición ao sol dos usuarios.