Sandra Bastos remarca o papel referencial de Mary Quintero na inauguración da mostra “A fotógrafa cun estudo propio e cunha ollada única” na Sede de Vigo

A mostra, que se poderá visitar ata o 28 de xuño, recolle máis de 150 fotografías, así como negativos fotográficos, premios e libros que representan a evolución da fotógrafa como muller, nai e profesional

31/05/2024

Inauguración da exposición Mary Quintero

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, inaugurou na sala Rosalía de Castro da sede viguesa da institución provincial a mostra “Mary Quintero. A fotógrafa cun estudo propio e cunha ollada única” nun acto amenizado coa música de Su Garrido e en presenza da propia fotógrafa. Durante a súa intervención, Bastos enxalzou a figura de Mary Quintero, “unha verdadeira lenda viva de Vigo, seguramente a persoa que mellor coñece ás veciñas e veciños desta cidade, un exemplo como persoa e profesional e unha pioneira da fotografía en Galicia”, e detallou que todos estes aspectos quedan recollidos nas máis de 150 fotografías, así como negativos fotográficos, premios e libros que presenta a exposición que se poderá visitar na sede de Vigo da Deputación ata o 28 de xuño.

Durante o acto de inauguración da mostra se deron a coñecer dúas importantes novas con respecto a Mary Quintero. A primeira delas, a edición dun catálogo da exposición para dar a coñecer o seu traballo, e que todos poidan descubrir máis sobre a pegada que, sen dúbida algunha, deixará para sempre na historia da fotografía de Galicia e da nosa cidade. Ademais, Mary Quintero será a primeira muller viva en protagonizar un dos capítulos do programa provincial “Aquí faltan páxinas”, “no que se da voz a mulleres fundamentais da provincia de Pontevedra, referentes, exemplares, en diferentes ámbitos da sociedade”, sinalou a deputada provincial.  O 27 de xuño terá lugar na sede de Vigo da Deputación o faladoiro deste programa, no que se dará a coñecer a ampla traxectoria profesional de Mary Quintero.

A exposición analiza tres facetas da vida de Mary Quintero: como muller, como fotógrafa e como nai, recollendo o seu legado nestas tres esferas que, en moitas ocasións, están solapadas. Deste xeito, arranca cunha serie de ambientacións e retratos de personaxes e da súa propia familia, así como con imaxes de políticos. A continuación recolle diferentes aspectos que vertebraron a traxectoria profesional de Mary Quintero como é a moda ou o teatro. Tamén preséntanse imaxes de espazos e de actividade como a cow parade. Na sala tamén queda recollida a fotografía dixital e preséntanse algúns dos premios que recolleu na súa traxectoria, así como negativos fotográficos, libros ou o ambiente do seu estudo e da súa vida familiar.

Nada en Melide en 1931, Quintero comezou moi nova no mundo da fotografía e, grazas á súa ollada diferente, pronto se converteu nunha das máis recoñecidas retratistas en Galicia. En 1952, con tan só 21 anos e a raíz dunha serie de traballos que lle solicitaron en Vigo, montou  o seu propio estudio na rúa Urzaiz, sendo o primeiro rexentado por unha muller na cidade e converténdose no inicio dunha prolífica e extensísima carreira profesional. Aos seus 60 anos de profesión únense un listado inmenso de premios e numerosas conferencias nacionais e internacionais que avalan a súa traxectoria, na que logrou o recoñecemento dos seus colegas e das institucións. Ao longo da súa traxectoria continuou sendo pioneira en técnicas de retoque fotográfico coa chegada da cor ou co uso de proxector de fondos, vivindo a historia da fotografía desde o magnesio ata a dixital. As súas fotografías están presentes en miles de fogares, sobre todo de Vigo, e foron moitos rostros coñecidos da política e da cultura os que se puxeron fronte á súa cámara. Hoxe, Mary Quintero, xa xubilada, experimenta coa pintura, a súa outra paixón, e asegura estar encantada coas posibilidades da fotografía dixital, aínda que a súa chegada lle obrigase a pechar o seu estudio.

Galerias de imaxes