A Deputación inicia a próxima semana 11 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Máis de 200 veciños de nove concellos comezarán accións centradas en risoterapia, habilidades dixitais, restauración de mobles ou, entre outras, ximnasia de mantemento

04/10/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, programa co que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. A próxima semana, entre os días 7 e 11 de outubro, comezarán 11 novos obradoiros doutras tantas entidades sociais que mobilizarán máis de 200 veciños de nove concellos da provincia: Arbo, Baiona, Cangas, Meaño, Mos, O Grove, Rodeiro, Soutomaior e Vigo.

Os primeiros obradoiros serán o luns 7 de outubro, cando 15 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Arbenses (Arbo) e 16 da Asociación O Arco de Vilanova (Cangas) comezarán o curso de plantas medicinais; 18 da Unión de Xubilados e Pensionistas da UGT de Vigo comezarán o curso de risoterapia. Ademais, 14 persoas da Asociación O Falar das Pedras (Rodeiro) iniciarán o de habilidades dixitais para uso cotián; 22 da Asociación de Veciños de Gandón (Cangas) o de restauración de mobles e tapicería; 25 da Asociación de Mulleres Rurais, Consumidoras e Culturais Adro Vello (O Grove) o de conservando a memoria; 16 da Asociación de Amas de Casa de Baiona, o de musicoterapia, e 19 da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena (Meaño) o de ximnasia de mantemento para persoas maiores.

O martes 8 de outubro será a quenda de 20 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior), que darán inicio ao obradoiro de restauración de mobles e tapicería, o mesmo que comezarán 21 persoas da Asociación Veciñal Deportiva, Cultural e Xuvenil Arcángel San Miguel (Arbo) o mércores 9 de outubro. Por último, o venres 11 de outubro 15 persoas da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) empezarán un curso de teatro.

En total, a Deputación ofertou este ano catorce tipos de obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.