A Deputación inicia a próxima semana 33 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo en 21 concellos

Máis de 600 veciños comezarán accións centradas na risoterapia, a ximnasia, pilares, restauración de mobles, pandeireta e canto popular, informática, memoria ou, entre outras, bailes de salón

07/09/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, un programa co que a institución provincial impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Só a próxima semana, entre os días 9 e 13 de setembro, comezarán 33 novos obradoiros que mobilizarán máis de 600 veciños de 21 concellos da provincia.

Os primeiros seis obradoiros da semana comezarán o luns 9 de setembro. En concreto, 15 persoas da Asociación da 3ª Idade Garatuxa das Nosas Rúas (Vigo) comezarán o curso de risoterapia; 21 persoas do Centro Social, Cultural, Recreativo e da Terceira Idade de San Vicente de Trasmaño (Redondela) e 16 de Asociación Veciñal de Consumidores, Usuarios e Cultural Emilio Crespo de Navia (Vigo), o de ximnasia de mantemento; 25 usuarios do Centro Cultural e Veciñal San Xorxe (Salceda de Caselas) o de pilates; 16 persoas da Asociación Cultural Candelas (Portas) o de restauración de mobles e tapicería, e 15 persoas da Asociación de Veciños de San Esteban de Cumiar (Ponteareas) o de pandeireta e canto popular.

Xa o martes, 10 de setembro, terá lugar o inicio de sete novas formacións. Neste caso, serán 24 persoas do Club de Xubilados e Pensionistas Villa de Bueu (Bueu) e 17 da Asociación Cultural Reiriz 2016 “A Queimada” (Pontevedra) as que comezarán o curso de pilates; 16 persoas da Asociación Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas) e 17 da Asociación de Veciños de Beade AVCU-CSCR (Vigo) o de risoterapia; 25 persoas da Asociación de Maiores de Mondariz (Mondariz) o de conservando a memoria; 14 usuarios da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougas – Oia (A Estrada) o de nivel avanzado de informática, e 15 persoas da Asociación de Veciños San Brais de Vinseiro (A Estrada) o de bailes de salón.

O mércores, 11 de setembro, comezarán 11 cursos. Desta maneira, 19 persoas do Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo (Sanxenxo), 20 da Asociación Veciñal e Cultural “As Mimosas” (O Porriño) e 25 da Asociación de Veciños e Veciñas Ameixoa (Salceda de Caselas) darán inicio ao curso de bailes de salón; 15 persoas da Asociación de Maiores Pensionistas Asomamos (Mos) e outras tantas da Asociación do Centro Cultural de Fozara (Ponteareas) o de pandeireta e canto popular; 18 persoas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Xurxo de Saiáns (Vigo) e 15 da Asociación de Veciños Parroquia San Martiño Borreiros (Gondomar) o de conservando a memoria; 14 da Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá “La Unión” (Vigo) o de habilidades dixitais para o uso cotián; 16 usuarios de Conciencia Galicia (A Estrada) o de risoterapia; 25 persoas da Asociación de Mulleres Rurais, Consumidoras e Culturais “A Xuntanza” (Fornelos de Montes) o de ioga, e 15 persoas do Círculo Cultural Abrente (Mos) o de plantas medicinais.

O xoves, 12 de setembro, 23 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Vila Galicia (Vigo) e 17 da Asociación de Mulleres de Gresande (Lalín) comezarán o curso de conservando a memoria; 17 persoas da Asociación Coral Rosalía de Castro (Vilagarcía) o de bailes de salón, e 23 usuarios da Asociación Veciñal e Cultural Vía XIX de Santa María de Caldas o de risoterapia.

As últimas cinco accións formativas do programa Provincia Activa da semana comezarán o venres 13 de setembro. Neste caso, serán 25 usuarios da Asociación Agrupación Musical do Rosal e 25 da Asociación de Pensionistas e Xubilados da Illa de Arousa as que dean inicio ao curso de bailes de salón; 15 persoas da Asociación de Pensionistas de Ariño de Aldán (Cangas) comezarán o de conservando a memoria; 12 da Asociación Veciñal Novo Vigo o de habilidades dixitais para uso cotián, e 23 da Asociación para a protección dos anciáns de Lalín e Comarca – APALC (Lalín) o de pandeireta e canto popular.

En total, a Deputación ofertou neste 2024 catorce obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.