A Deputación programa o vindeiro mércores concertos de Treixadura en Sanxenxo e De Vacas en Barro no marco do programa provincial +Música

O concerto de Treixadura terá lugar ás 22:00 horas na Praza do Mar de Sanxenxo e o de De Vacas ás 21:00 horas no Pazo da Crega de Barro

20/07/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música"  dúas actuacións musicais o vindeiro mércores, 24 de xullo, en Sanxenxo e Barro. Deste xeito, ás 22:00 horas a música de Treixadura soará na Praza do Mar de Sanxenxo e a de De Vacas ás 21:00 horas na Praza da Crega de Barro.

Trexadura constitúe desde 1990 un espectáculo musical sorprendente no que é protagonista a música tradicional observada desde dúas concepcións arraigadas: o canto e a gaita. Ao longo da súa traxectoria o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, pero sen renunciar ao seu son característico. En Sanxenxo ofrecerá un concerto de 90 minutos aproximados nos que a música tradicional encherá a Praza do Mar.

Pola súa banda De Vacas, caracterízase por ofrecer espectáculos musicais con humor, nos que acostuman ser protagonistas as versións que realizan sobre temas coñecidos. O grupo leva anos enchendo prazas e teatros de Galicia e recibiron o Premio Martín Códax da Música, entre outros galardóns. Na Praza da Crega de Barro presentará "Rebovina Divas Live", un espectáculo que homenaxea ás grandes divas do pop.

Ámbolos dous concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.