A Deputación leva este sábado a Budiño ata Moaña e a Dakidarría ata Tomiño no marco do programa provincial +Música

O concerto de Budiño terá lugar ás 23:30 horas no Paseo marítimo de Moaña e o de Dakidarría ás 22:30 horas na Praza do Seixo de Tomiño

25/07/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música"  dúas actuacións musicais o vindeiro sábado, 27 de xullo, en Moaña e Tomiño. Deste xeito, ás 23:30 horas a música de Budiño soará no Paseo marítimo de Moaña e a de Dakidarría ás 22.30 horas na Praza do Seixo de Tomiño.

Budiño é un músico galego de orixe, que se inspira na música tradicional coa intención de crear un estilo propio. Ao longo da súa traxectoria profesional ten percorrido medio planeta cos seus espectáculos e creacións, recoñecidos pola crítica especializada e afianzados por numerosos premios de prestixio. Presentará en Moaña o seu oitavo disco, Branca Vela, unha combinación de ritmos, sons, instrumentos e percusións tradicionais coa vangarda electrónica.

Pola súa banda Dakidarría é unha das bandas referentes nos festivais musicais galegos que conta cun gran número de seguidores. Tras vinte anos de historia, celebrados en 2023 cun concerto de máis de 2 horas en Revenidas, Dakidarría é un dos grupos consolidados no panorama musical, tanto no noso país como máis alá das súas fronteiras. Ofrecerá en Tomiño un show musical de hora e media no que fusionará diversos estilos musicais nunha posta en escena espectacular.

Ámbolos dous concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de dúas das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.