#EMPREGO

Programa “+Emprega”

“+Emprega” é unha iniciativa integral e estratéxica para o emprego e o desenvolvemento económico na provincia, co principal obxectivo de promover a inclusión social e o desenvolvemento económico e social a través da creación de emprego de calidade e do fomento da empregabilidade das e dos cidadáns.


O programa contribúe á implementación dos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en liña co Plan de acción para a execución da Axenda 2030.

  • ODS 1. Fin da pobreza: promover o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos, incluídas as mulleres e as persoas mozas, é fundamental para reducir a pobreza e mellorar o benestar económico da provincia.
  • ODS 8. Traballo decente e crecemento económico: fomentar o crecemento económico sostible, inclusivo e sostible, así como o emprego pleno e produtivo, é esencial para o desenvolvemento económico da provincia.
  • ODS 10. Redución das desigualdades: garantir a igualdade de oportunidades para todas e todos os habitantes da provincia, incluídos os grupos marxinados e vulnerables, é crucial para reducir as desigualdades sociais e económicas.

Dentro do programa formúlanse dous eixes de actuación:

  • Eixe 1. Impulso ao emprego: promover a mellora da empregabilidade e a adquisición de experiencia profesional por parte de persoas tituladas universitarias e de formación profesional de ciclos medios e superiores nos municipios da provincia de Pontevedra. Neste eixe inclúese o proxecto ”+Emprega nos concellos”.
  • Eixe 2. Fomento do emprego inclusivo: promover a igualdade de oportunidades e a adopción de medidas favorecedoras para a inclusión no mercado de traballo das persoas máis vulnerables en situación de risco ou con discapacidade, entre outras. Neste eixe inclúese o proxecto “+Emprega en centros especiais de emprego”.

Proxectos

“+Emprega nos concellos”

Este proxecto ten como obxectivo dotar as e os mozos desempregados e, en xeral, as persoas desempregadas da provincia, dunha primeira experiencia profesional para que adquiran competencias e habilidades sociais e profesionais, empatía, creatividade, dotes de liderado e capacidade de adaptación, entre outras calidades relacionadas coa actitude da persoa traballadora.

Esa experiencia laboral adquirirase mediante a formalización de contratos formativos, para o que a Deputación contará coa colaboración dos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, que contratarán as persoas tituladas que resulten seleccionadas.

Este proxecto desenvolverase nas seguintes fases:

  • Primeira fase, de selección das entidades colaboradoras e de determinación do nivel de estudos para obter a práctica profesional adecuada ao devandito nivel baixo a modalidade de contrato formativo.
  • Segunda fase, de selección das persoas beneficiarias dos contratos formativos por parte das entidades colaboradoras, tal e como se dispón nas bases reguladoras e na convocatoria.
“+Emprega en Centros Especiais de Emprego”

Proxecto para financiar os custos de persoal das unidades de apoio á actividade dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

A través desta nova liña de axudas a Deputación de Pontevedra pretende apoiar o funcionamento dos Centros Especiais de Emprego (CEE) da provincia que faciliten a integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo, coa finalidade última de fomentar o acceso ao emprego ordinario destas persoas, o mantemento do emprego, a mellora da súa empregabilidade ao longo do ciclo laboral e o seu desenvolvemento profesional.

O obxecto desta subvención é financiar os custos de persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación e/ou dirección dos CEE con sede e centro de traballo na provincia de Pontevedra, coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego neste tipo de centros da mencionada provincia.

O gasto subvencionable comprenderá os contratos do persoal das unidades de apoio á actividade profesional e do persoal que desenvolva accións de coordinación e/ou dirección comprendidos en todo o ano natural de 2024.

A repartición das cantidades das subvencións establécese en función do número de persoas con discapacidade contratadas no CEE antes da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e segundo os seguintes tramos:

  • 10 ou menos persoas traballadoras con discapacidade:   3.500,00 €
  • De 11 a 20 persoas traballadoras con discapacidade:        5.500,00 €
  • De 21 a 30 persoas traballadoras con discapacidade:       7.500,00 €
  • De 31 a 40 persoas traballadoras con discapacidade:       10.500,00 €
  • De 41 a 50 persoas traballadoras con discapacidade:       13.500,00 €
  • Máis de 50 persoas traballadoras con discapacidade:      15.000,00 €
— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.