#CULTURA

DÍA DAS ARTES GALEGAS 2023. MARTÍN CODAX

A Real Academia Galega de Belas Artes acordou, en sesión ordinaria e tras votación regulamentaria, homenaxear a figura de Martín Codax no Día das Artes Galegas 2023, o sábado 1 de abril.


Martín Codax, trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, orixinario de Vigo, referenciou a súa cidade nos seus poemas en numerosas ocasións. Atribúeselle un total de sete cantigas de amigo ao seu traballo literario, as cales figuran nos cancioneiros de lírica galaico‑portuguesa e no Pergamiño Vindel. Non se sabe moito sobre el e da súa traxectoria, pero o que é certo é que ninguén pode discutir a súa grandeza lírica. A conxunción dos seus textos coa música — a cal é o vehículo da súa poesía— forma parte das cantigas galegas, que gozan dunha dimensión histórica, cultural e identitaria de grande alcance. Con todo o que representa o seu legado, é o persoeiro máis indicado para protagonizar un festexo que inaugurará a súa vertente máis musical.

Como figura esencial da música galega, desde a Deputación de Pontevedra queremos propoñer una serie de actividades para celebrar o Día das Artes Galegas, homenaxear o trobador máis representativo orixinario da nosa provincia e así poñer en relación a música, a historia, a arte, a creatividade e a divulgación.

1 de abril: lanzamento da programación

Segunda quincena de abril: obradoiros en centros escolares

Xoves 4 de maio ás 19:00 h: acto institucional de peche na Sede da Deputación en Vigo

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es

ACTIVIDADES EN CENTROS ESCOLARES

Desenvolveremos dúas actividades-obradoiro para colexios e institutos, durante a segunda quincena de abril

Educación primaria

CONCERTO DIDÁCTICO DE INSTRUMENTOS MEDIEVAIS

Rosa e Pablo

Impartido polo artesán, músico e investigador galego Pablo Carpintero Arias e pola súa compañeira Rosa Sánchez Beiroa, especialista en canto e danza.

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero son músicos, investigadores e artesáns. Un dos seus campos de estudo son os instrumentos musicais medievais, especialmente aqueles documentados en Galicia, á parte da investigación iconográfica sobre este tipo de instrumentos medievais, que se pode consultar na obra de Pablo Os instrumentos musicais na tradición galega [dispoñible en rede en: http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/].

Consiste nun concerto didáctico que lles achegará ás nenas e nenos os instrumentos medievais utilizados polos trobadores da Idade Media, coma Martín Codax. Desta forma, poderán escoitar como soaban e como eran eses instrumentos. Rosa e Pablo constrúen no seu obradoiro réplicas científicas destes instrumentos para restaurar a súa sonoridade. Un dos seus traballos máis famosos foi a reconstrución da gaita de fol representada na cantiga 360 das Cantigas de Santa María, considerada unha representación ilusoria; con ela conseguiron demostrar a súa verosimilitude e funcionalidade, o que supuxo un fito na reconstrución deste tipo de instrumentos tanto polas técnicas empregadas coma polo resultado obtido e polas súas consecuencias a nivel histórico‑musical.

Ata a data Rosa e Pablo teñen reproducido os seguintes instrumentos medievais documentados na iconografía galega: as gaitas de fol representadas nas cantigas 240 e 350, o chorus reproducido na cantiga 230, a frauta travesa iluminada na cantiga 240 e a frauta e o tambor da cantiga 370. Tamén reproduciron o salterio e a frauta de tres furados representados no cadeirado do mosteiro de Montederramo (Ourense). Con estas reproducións e empregando outros instrumentos musicais que se tocaban na Galicia medieval e que chegaron en uso ata nós, Rosa e Pablo constrúen unha entretida charla-concerto na que explican o uso destes instrumentos, a súa historia e a súa significación para a nosa cultura. Entre os instrumentos que perduraron ata os nosos días e que se empregan neste concerto están: diversos tipos de pandeiros e pandeiras, ferreñas, rabeis, trompas ou berimbaus, a rosca do Baixo Miño (moi semellante á gaita da cantiga 240), o alboka, varios tipos de instrumentos infantís e outros tipos de gaitas de fol, pois recentemente Pablo demostrou mediante un modelo matemático e probas do carbono-14 que a gaita de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó (Pontevedra), foi construída a mediados do século XV e empregada ininterrompidamente ata mediados do XX.

Realizarase en dous colexios de educación primaria da contorna da ría de Vigo debido á relación co trobador.

  • CEIP Altamar de Vigo (o 14 abril ás 12:00h)
  • CEIP Plurilingue de Reboreda, Redondela (o 25 abril ás 12:00h)
Educación secundaria

OBRADOIRO DE INICIACIÓN Á CALIGRAFÍA MEDIEVAL

Impartido pola ilustradora, especializada en caligrafía artística, María Sancho.

MARÍA SANCHO

María Sancho

© García Morales

Natural de Marín, descubriu esta profesión nos Estados Unidos, onde traballou de mestra de Arte nun instituto no que descubriu que a arte da caligrafía se practicaba desde a infancia. Á súa volta a España estudou en 2006 no Escorial e desde aquela non deixou de formarse; a día de hoxe é unha das cabezas visibles da caligrafía artística en Galicia. Traballa no eido da ilustración científica, literaria e editorial, e imparte múltiples obradoiros para achegarlles a caligrafía a todos os públicos. Entre os materiais que emprega para desenvolver a súa técnica destacan a pluma metálica plana e a fina, aínda que tamén bota man de plumiñas xaponesas para a letra cursiva, mentres que para as tipografías gótica e itálica usa unha pluma plana.

OBRADOIRO

Neste obradoiro de iniciación, o alumnado de secundaria coñecerá a caligrafía artística a través dunha viaxe que vai desde a escritura medieval (tomando como referencia o Pergamiño Vindel, que recolle sete cantigas de amigo do trobador Martín Codax) ata a caligrafía contemporánea.

Realizarase en dous centros de educación secundaria na contorna da ría de Vigo debido á relación co trobador.

  • IES As Barxas en Moaña (o 17 abril, ás 16:30h)
  • CPI Arquitecto Palacios de Panxón, Nigrán (o 25 abril ás 12:00h)

ACTO POLO DÍA DAS ARTES GALEGAS (XOVES 4 DE MAIO)

Doa dúo

O acto institucional será no salón de plenos da Deputación o xoves 4 de maio, ás 19:00 h, como peche das accións nos centros educativos, e convidaranse as persoas que impartiron as actividades nos centros e as e os representantes destes centros para que poidan falar da experiencia. Proxectaremos imaxes de como foron os obradoiros e gozaremos de música medieval da man de DOA DÚO (Susana de Lorenzo e Xoan Piñón) en vivo para poñer en valor a figura de Martín Codax; unha forma de achegarlles a música e a poesía medievais a todos os públicos. E como vínculo coa creatividade e coa plástica, contaremos coa experta en caligrafía antiga María Sancho, quen escribirá en directo durante o acto.

DOA DÚO (formato dúo, Susana de Lorenzo e Xoan Piñón)

Pódese considerar o grupo DOA DÚO (1978-2023), en calquera dos seus formatos e formacións, como un dos referentes dos grupos de Galicia anteriores á década dos oitenta. 

O seu estilo musical, nos primeiros tempos, estaba baseado en xuntar tendencias musicais diversas coa música tradicional e medieval de Galicia e outros países do eixe atlántico, mediante uns arranxos dun xeito persoal heterodoxo. Estas características danlle ao grupo unhas formas musicais propias que se irían conformando en anos sucesivos.

Realiza numerosas xiras por Galicia, España, Estados Unidos e Canadá para dar a coñecer pezas inéditas do Camiño de Santiago, Cantigas de Santa María (Afonso X o Sabio), Martín Codax e composicións propias baseadas na estrutura musical propia de Galicia.

DOA DÚO utiliza modos de expresión contemporánea e a mestura de instrumentos populares con tecnoloxías de última xeración.

Este grupo nace na Coruña en 1978 e os seus fundadores son Bernardo Martínez (frauta e percusión) e Xoan Piñón (guitarra, laúde, mandolina). Con Enrique Ferreira (violonchelo) forman o primeiro formato a trío. Posteriormente, coa incorporación de Miro Casabella (voz, cítola e zanfonas) e Xaquín Blanco (gaita e frauta), DOA grava o seu primeiro traballo, O son da estrela escura en 1979.

Outras formacións posteriores contarán, para os directos e as gravacións, con músicos de diversos ámbitos: Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, agrupacións e profesionais de jazz, música improvisada, folk e rock.

Nesta ocasión, actuarán en formato dúo Susana de Lorenzo e Xoan Piñón.