#TURISMO
Plans e estratexia turística
Provincia de Pontevedra
O modelo turístico da Deputación de Pontevedra baséase na promoción equilibrada do territorio, na calidade e na sostibilidade ambiental. Todas as accións defínense sobre tres piares: unha exhaustiva análise da provincia, dos recursos e das demandas e necesidades do sector; a definición das prioridades e da estratexia que se debe seguir para un desenvolvemento turístico ordenado e sostible; e unha planificación detallada.
A institución conta cun Plan estratéxico de turismo que marca a folla de ruta a curto e medio prazo, e dispón tamén dun Plan de reactivación para definir novas estratexias e establecer medidas ante o cambio de escenario que supuxo a aparición da COVID-19. Ademais, promoveu un Plan de impulso da sostibilidade coa finalidade de encadrar a acción turística nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Xunto a estes documentos marco, a Deputación elabora estudos e plans específicos para impulsar produtos turísticos de interese para o territorio, como é o caso dos Festivais Rías Baixas.