A Deputación aproba novos recursos por 3,2 millóns de euros para os concellos da provincia en materia de Cooperación, Infraestruturas e Turismo
A Xunta de Goberno deu luz verde a nove achegas do Plan Concellos, así como aos recursos para mellorar tres estradas provinciais en Vigo, Nigrán e Fornelos, e ás subvencións a 28 concellos para sufragar os gastos de persoal das oficinas da rede Info Rías Baixas
14/04/2023
A Xunta de Goberno vén de aprobar novos recursos para os concellos da provincia por importe de 2,3 millóns de euros, en materia de Cooperación, Infraestruturas e Turismo. Desta cantidade, 1,5 millóns corresponden a 9 novas achegas do Plan Concellos, que beneficiarán aos municipios de Tomiño, Crecente, Valga, Poio, Ribadumia, Lalín, O Porriño e Moaña, mentres que outros 1,4 millóns están destinados á mellora de estradas provinciais que transcorren por Vigo, Fornelos e Nigrán. Amais, a Xunta aprobou tamén as subvencións a 28 concellos para que poidan sufragar os custes de persoal das oficinas de turismo adheridas á rede Info Rías Baixas, por un orzamento de preto de 250.000 euros.
No que atinxe ao Plan Concellos, aprobáronse seis achegas da Liña 1 de Investimentos. Dúas delas beneficiarán ao municipio de Tomiño, que recibirá 395.449€ para costear a mellora da contorna da Subida, Estatua e Igrexa da Peregrina en Estás, amais doutra achega de 127.616€ para financiar a mellora da mobilidade peonil e ciclable entre os equipamentos públicos na Rúa República Arxentina, entre a Glorieta do Seixo e a policía local. Así mesmo, Moaña contará con 325.208€ para financiar o proxecto do cambio de céspede no campo de fútbol Iago Aspas Juncal, no Casal, mentres que o Concello de Crecente recibirá 144.302€ para o financiamento dos traballos de pavimentación en Soutomaior (Freixo), Campoverde, Boavista e Pazo (Albeos), Carballas (Filgueira), Reguengo (Rebordechan), Ameixeira e Outeiro e Framilo (Vilar). Valga recibirá 93.017€ para a renovación dos servizos urbanos nun tramo de 600 metros da estrada nacional N-550 (avenida da Coruña) na marxe dereita e O Porriño, 89.667€ para financiar a mellora de pavimentación na explanada Igrexa Budiño, Igrexario-Estanco e Camiño Parada Chenlo.
Outras tres achegas corresponden á Liña 2 de financiamento de gastos correntes e actividades socioculturais e beneficiarán a Ribadumia, que recibirá 146.938€ para a realización de actividades e prestación de servizos municipais; Lalín, 131.761€ para financiar diversas iniciativas do Concello e Poio, 98.520€ para o financiamento de actividades culturais, deportivas e lúdicas.
En materia de Infraestruturas, a Xunta de Goberno deu luz verde á adxudicación das obras de mellora das interseccións e acondicionamento na contorna da estrada que conduce á praia do Vao, a EP-2003, en Vigo, por un orzamento de 256.228€, na que se actuará no total do trazado (1,6 quilómetros) Tamén se aprobou o expediente de contratación para licitar as obras de mellora da seguranza viaria e senda peonil na EP-2106 A Ramallosa-Parada, en Nigrán. Esta actuación levarase a cabo nun treito dun quilómetro entre o barrio da Areíña e a contorna da Igrexa, onde se prevé habilitar unha senda peonil ao longo do trazado, e o orzamento ascende a 973.023 €, dos que a Deputación aporta un 70% (681.116 €) e o 30% restante o Concello (291.907€).). E tamén se aprobou o convenio co Concello de Fornelos de Montes para executar as obras da mellora da mobilidade peonil na EP 2801 Fornelos-Estacas, que teñen un orzamento de 230.439€, dos que a Deputación asume o 80% (184.351,38 €) e o Concello o 20% restante (46.087,84 €). A través desta actuación abordarase a mellora dun treito de 210 metros para dotar á zona de prioridade peonil segura e mellorar as condicións de mobilidade para as persoas, coa habilitación dunha plataforma única no primeiro tramo e no resto, na marxe dereita, unha senda peonil de 2,50 metros de ancho.
Por outra banda, en materia de Turismo, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dun total de 28 subvencións a outros tantos concellos para financiar os custos do persoal para a prestación do servizo de información en oficinas de turismo adheridas á rede Info Rías Baixas. Os concellos beneficiarios son Vilagarcía, Cambados, Baiona, Tui, Nigrán, Sanxenxo, O Grove, Poio, A Guarda, Ponteareas, Cuntis, Cangas, Mondariz-Balneario, Silleda, Caldas de Reis, A Estrada, Catoira, As Neves, A Illa de Arousa, Redondela, Oia, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Moaña, Marín, Bueu, Meaño e O Rosal.