A Deputación acolle este xoves a xornada “Lingua galega e sociedade na educación secundaria”

O acto servirá como peche do proxecto de investigación da UVigo en convenio co departamento de Lingua da administración provincial

16/11/2022

Xornada Lingua

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acollerá este xoves unha xornada de reflexión e debate  sobre  a lingua galega e sociedade na Educación Secundaria. Este foro constitúe o acto de peche do proxecto de investigación-acción "Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato; Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado", financiado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo.

O estudo no que se enmarca a xornada estase a realizar grazas ao convenio de colaboración asinado pola deputada de Lingua María Ortega e o anterior vicerreitor. Está a ser realizado por persoal da Área de Normalización Lingüística e conta con catro persoas investigadoras, e cun orzamento de 17.000 euros financiados polo organismo provincial.  

Co desenvolvemento da xornada preténdese, por unha banda, compartir e discutir os achados obtidos durante a fase de traballo de campo do devandito proxecto; e, por outra banda, profundar no coñecemento crítico e dialéctico da relación entre lingua e sociedade en Galicia, poñendo o foco nos usos lingüísticos, no fortalecemento dos saberes sociolingüísticos e nas ideoloxías lingüísticas no sistema educativo (entendidos como unha tríade de elementos en continua interacción).

A xornada deste xoves estará dividida en dous bloques temáticos que se distribuirán, respectivamente, nunha sesión matinal e noutra sesión vesperal. O primeiro bloque está deseñado para debater ao redor da sociolingüística predominante na docencia e a investigación universitarias ademais de para profundar nas posibilidades, debilidades e fortalezas do ensino-aprendizaxe sociolingüístico das e dos futuros docentes de lingua galega. En resumo, trátase de sacar conclusións a partir dunha pregunta chave: Como as universidades galegas están a formar nos saberes sociolingüísticos hogano? Participarán Bieito Silva Valdivia da  USC e Xosé Henrique Costas González da Uvigo baixo a moderación de Fernando Ramallo (UVigo).

O segundo bloque problematizará o ensino-aprendizaxe sociolingüístico na Educación Secundaria galega dende distintas perspectivas e a partir dos datos obtidos no conxunto do traballo empírico na primeira fase do proxecto. Ademais, tentará contribuír á achega de novas focaxes críticas que contribúan positivamente na formación e na praxe do corpo docente no que concirne á relación entre lingua e sociedade.

A xornada artéllase ao redor de catro sesións, cada unha delas coa súa propia problemática con cadanseus participantes: representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición –de balde- na seguinte ligazón: Formulario de inscrición

Haberá emisión en liña en directo dende depo.gal e na canle de Youtube da Deputación.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.