A situación das mulleres na arte centrará o 12 de xaneiro a xornada de debate que porá final á exposición “Dende a Fenda” na sede de Vigo

Oito relatoras do mundo artístico protagonizarán máis de tres horas de debate neste evento, que incluirá a actuación de música e danza do Ensamble Verxel

29/12/2022

“Onde estamos as mulleres na arte?” é a reflexión que suxire a xornada de debate que o vindeiro día 12 de xaneiro acollerá a sede da Deputación en Vigo como colofón á mostra “Dende a Fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia”, que reúne neste espazo a obra de dez das creadoras máis destacadas da arte galega actual para afondar na fenda de xénero. Oito relatoras, varias delas presentes na exposición, participarán nas dúas mesas de debate previstas, que afondarán sobre o papel da muller no sistema da arte en Galicia e sobre a súa situación tras terminar os estudos de Belas Artes, onde representan ao 70% do alumnado. A cita, que arrancará ás 17 horas, contará tamén coa actuación de música e danza do Ensamble Verxel e para asistir hai que enviar solicitude ao enderezo participa.cultura@depo.es

A xornada terá dúas mesas de debate, trala presentación por parte da presidenta provincial, Carmela Silva. A primeira delas, ás 17.20 horas, estará moderada pola comisaria de arte e xestora cultural Sara Donoso e contará coa participación de Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo; Asunta Rodríguez, directora de Galería Trinta e Anxela Caramés, comisaria e crítica, especializada en estudos de xénero, para falar sobre “Onde están as mulleres nos museos?” e analizar o papel da muller no sistema da arte en Galicia a día de hoxe. E ás 19 horas celebrarase a segunda mesa, que abordará a situación das artistas en Galicia tras rematar a súa formación en Belas Artes. Estará moderada pola profesora da facultade pontevedresa e artista Almudena Fernández Fariña e nela intervirán Xisela Franco, Mar Caldas e Amaya González Reyes, as tres artistas e docentes e que participan coa súa obra na exposición Dende a fenda. O inicio e o peche da xornada estarán amenizados coa actuación Ensamble Verxel, a cargo de Estefanía Fernández Agulla (frauta); Tania Justo Román (piano) e a bailarina Eva Comesaña.

Despois desta xornada, a exposición aínda estará aberta ata o 15 de xaneiro para amosar a arte feita “desde as trincheiras do feminismo e o activismo social” a través das máis de 30 pezas que amosan Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Chelo Matesanz, Mery Pais, Mar Ramón, Nuria Ruibal e Neves Seara, todas unidas pola súa conexión coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra como alumnas ou docentes, e que ocupan as dúas salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro no marco da programación do 25N.

“Dende a fenda” reflexiona  sobre as achegas da loita feminista as artes plásticas e visuais e recolle algunhas prácticas artísticas desenvolvidas en Galicia nos últimos anos, na procura de ocupar os espazos públicos con olladas feministas desde a arte contemporánea.  Traballos de pintura, escultura, instalación, fotografía, videocreación, arte sonora, performance, debuxo, ilustración e gravado articulan a exposición, que converte á sede de Vigo da Deputación nunha plataforma para a visibilización e para a loita contra as violencias machistas, así como nun espazo de reflexión e conversa participativa sobre as prácticas feministas en Galicia desde o plano da creación, o debate e a implicación social.