A Deputación vende por 260.000 euros unha nova parcela no polígono de Barro, que conta xa cunha ocupación do 76%

Coa instalación da firma Gestión de Recursos Industriales y Maquinaria, S. L. son 24 as empresas que están presentes no parque industrial

10/11/2023

rolda de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a venda dunha nova parcela no polígono de Barro, que ocupará a firma Gestión de Recursos Industriales y Maquinaria, S. L. e coa que o parque suma xa un 76 % de ocupación. O presidente, Luis López, que destacou a importancia desta instalación “para a promoción económica da provincia”, explicou que a citada empresa instalarase nunha parcela de máis de 2.100 metros cadrados que adquirirá por 260.000 euros.

Trátase dunha firma de Pontevedra que se dedica á xestión de bens inmobles e que amplía con esta compra as instalacións que xa tiña no Campiño. Con ela, son 24 as firmas presentes no polígono, que ten 58 parcelas ocupadas e 18 libres. Algunhas das empresas presentes son: Froiz, Hijos de Rivera, Mafari, Frutas Moncho, Mariscos Alumar ou Transfrío. Ademais, a Deputación ten en Barro o Viveiro de Empresas, o Centro de Apoio Empresarial e o novo Parque de Maquinaria.