Unha guía didáctica elaborada grazas á Deputación e a UVIGO achegará ferramentas ao profesorado para concienciar nas aulas sobre a situación do galego
A deputada de Lingua María Ortega subliñou hoxe na xornada ‘Lingua Galega e sociedade’ que a escola segue a ser “o alicerce do futuro do idioma”
17/11/2022
Definir ferramentas e propostas que permitan mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de Secundaria e contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma son dous dos obxectivos do proxecto ‘Lingua e sociedade’ -que impulsa a Deputación de Pontevedra xunto a persoal investigador da Universidade de Vigo- e que hoxe centraron as xornadas homónimas celebradas no Pazo Provincial. Un dos resultados do traballo será a publicación dunha guía didáctica que se repartirá nos centros da provincia.
Na súa intervención na xornada, a deputada de Lingua María Ortega subliñou que a escola, tanto Primaria coma Secundaria, é “o alicerce do futuro do idioma”. “A poboación máis nova do país é o futuro, é a que vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente –agardamos- máis do que está”, dixo a nacionalista, quen subliñou que é preocupante tanto a competencia que a día de hoxe manifesta o alumnado tanto na fala como no coñecemento sobre o galego.
Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade.
Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesares de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual.
Reflexión e debate sobre a lingua
Co propósito de coñecer como se traballan nos institutos os contidos do bloque Lingua e sociedade e coñecer as demandas e expectativas do profesorado da materia Lingua galega e literatura, o persoal investigador da UVigo realizou unha serie de entrevistas a docentes, que este xoves se vén complementadas polas visións que tanto profesorado de diferentes institutos como docentes universitarios achegan na xornada de reflexión e debate Lingua galega e sociedade.
“Estamos nun contexto de minoración lingüística notoria e evidente e fai falta achegar ferramentas de concienciación para contribuír á recuperación do galego”, sinala o coordinador desta investigación, o profesor Fernando Ramallo, que incide en que esa necesidade de “gañar falantes” para o galego require dun paso previo, “a concienciación da necesidade de gañar falantes”.
De aí que o propósito central deste proxecto sexa definir propostas de mellora para a práctica docente no referido a un bloque de contidos, o de ‘Lingua e sociedade’, que ten presenza ao longo de todo o ensino secundario e que centra os seus contidos na situación sociolingüística do idioma e na diversidade lingüística.
Financiado con 17.000 euros pola Deputación de Pontevedra, o propósito deste proxecto é nese senso “indagar en como se están a ensinar e aprender os contidos” deste bloque, atendendo as “experiencias, traxectorias, expectativas, demandas e propostas” do profesorado, co propósito de “reflexionar sobre posibles melloras” que contribúan ao ensino destes contidos desde unha “perspectiva descritiva, pero tamén crítica”. Deste xeito contribuiríase “concienciación” do alumnado, sinala o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, que incide non obstante en que mudar a situación de “desigualdade” do idioma “é un desafío moi completo, que non é responsabilidade unicamente do sistema educativo”.
Como xornada de peche deste proxecto, o Pazo Provincial acolle este xoves un encontro dirixido a “profundar no coñecemento crítico e dialéctico da relación entre lingua e sociedade en Galicia, poñendo o foco no fortalecemento da lingua galega no sistema educativo”. Estruturada en catro bloques, esta xornada arrancou cunha primeira mesa centrada en analizar “as focaxes sociolingüísticas dominantes na docencia e investigación universitarias”. Moderada por Ramallo, esta primeira mesa contou coas intervencións das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Bieito Silva e María López Sández e do director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, Xosé Henrique Costas. “Nós contribuímos á formación do que profesorado de secundaria. Isto é un bucle e tamén ter que haber cambios na universidade”, salientou Ramallo.
Pola tarde, a xornada continuou con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de profesores no marco deste proxecto.
Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso.
Da análise á divulgación
Esta xornada insírese no traballo que un equipo de sociolingüísticas vén desenvolvendo nun proxecto que comprendeu en primeiro termo unha revisión curricular e lexislativa relacionada co bloque Lingua e sociedade e na realización de entrevistas ao profesorado responsable da materia de Lingua e literatura no institutos da provincia. Tras contactar, como explicou Ramallo, con máis de 300 docentes, este traballo permitiu a realización de 33 “entrevistas en profundidade” a docentes de secundaria, ás que se suman outras dez a profesorado das tres universidades galegas. Estas constitúen, como sinala Ramallo, unha “fonte fundamental de datos para a nosa reflexión e análise”, á que se suman as conclusións que se obteñan ao longo desta xornada e que contribuirán tamén ao “informe final do proxecto”.
Así mesmo, o proxecto comprende tamén a elaboración dunha guía didáctica, orientada a secundaria, “na que recollemos propostas que complementen o ensino de módulo de Lingua e sociedade no ensino obrigatorio”, explica Ramallo da que será a final dun proxecto que “constitúe un paso máis da campaña En Galego! Investigación e divulgación científica da UVigo.