A Deputación acolle o cumio sobre transparencia da FEMP anunciando novos pasos para seguir abrindo o goberno provincial e os concellos á sociedade

Carmela Silva adianta a posta en marcha do visor orzamentario e do novo espazo de Goberno provincial aberto e do Observatorio para impulsar o avance en tódolos municipios

07/07/2022

transparencia FEMP

O Pazo Provincial celebrou hoxe a xuntanza do Consello de Goberno da Rede de Transparencia e Participación Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A presidenta provincial, Carmela Silva, exerceu como anfitrioa dunha xuntanza dirixida polo presidente da Rede e alcalde de Elche, Carlos González, e na que participaron o alcalde de Torrejón de Ardoz, e novo vicepresidente da rede, Ignacio Vázquez, así como representantes da deputación ourensá e do concello de Salamanca. Carmela Silva aproveitou o cumio para anunciar tres novos avances da Deputación de Pontevedra en materia de transparencia, consistentes nun visor orzamentario propio, un espazo web de Goberno provincial aberto e, finalmente, no lanzamento dunha plataforma do Observatorio de Goberno aberto para tódolos concellos da provincia.

“O mundo local ten un enorme compromiso e vai un paso por diante do resto das Administracións”, recalcou Carmela Silva, quen subliñou que deputacións e concellos son “exemplo en explicar o que fan, como o fan e para que o fan; un exemplo que é obrigado porque xestionamos recursos públicos”. A presidenta encadrou a celebración da xornada en Pontevedra como un esforzo máis para compartir coa sociedade a vontade de avanzar na promoción da credibilidade, da confianza e a empatía. Neste senso destacou que a Deputación de Pontevedra forma parte da Rede de Transparencia da FEMP dende o seu nacemento, o que lle ten permitido acceder a tódalas boas prácticas que se están poñendo en marcha dende o municipalismo. “En transparencia, como noutras materias, hai que copiar as boas ideas dos demais; copiar o bo é signo de intelixencia”.

Carlos González agradeceu a “hospitalidade” e “o compromiso da Deputación e da súa presidenta por facer da transparencia un eixe principal da estratexia e do día a día, por colaborar a facer entender que a transparencia é un dereito básico da cidadanía”. Aproveitou para felicitar ao Goberno provincial por ter convertido a esta deputación nunha das cinco máis transparentes de España. “Sodes punta de lanza cun traballo moi valioso”, destacou, antes de concluír que a transparencia perfecciona o funcionamento das institucións e constitúe “un antídoto contra a corrupción”.

Xa na propia sesión do Consello de Goberno da Rede de Transparencia aprobouse o nomeamento do novo vicepresidente, Ignacio Vázquez, así como a incorporación de novos concellos de España, pasando de 251 a 270, e representando deste xeito a máis de 25 millóns de persoas (o 54% da poboación española ten un goberno local integrado nesta “rede xoven, que non para de crecer”). Aprobouse tamén unha ordenanza tipo de transparencia que adapta a de 2015 e será a referencia par ao novo lustro, unha nova ordenanza de datos abertos para que os municipios podan poñelos ao servizo da sociedade e, finalmente, avanzouse na preparación do 7º Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto que se celebrará en Cartaxena.

Carmela Silva detallou que o novo Visor Orzamentario da Deputación é unha ferramenta web que está a piques de entrar en funcionamento que ofrecerá información non só sobre os Orzamentos en vigor, senón sobre a súa execución, modificacións, liquidacións e pagos, entre outras cuestións. En canto ao portal do Espazo de Goberno provincial aberto indicou que achegará información sobre persoal, subvencións e procedementos. Tamén facilitará a participación cidadá e, en terceiro lugar, sumarase á corrente de poñer a disposición pública datos abertos sobre os recursos e os servizos dispoñibles en toda a provincia.

Xuntanza inminente cos/as alcaldes/as para impulsar a transparencia

transparencia FEMP

Con todo, impulso á transparencia dende a Deputación non quedará en clave interna, porque volverá propiciar a apertura dos concellos de toda a provincia ofrecéndolles a súa adhesión ao Observatorio de Goberno Aberto Municipal, unha iniciativa auspiciada pola FEMP, que creou este visor comparativo o pasado mes de abril. A Deputación convocará en breve a tódolos/as alcaldes e alcaldesas para ofrecérllela sinatura dun convenio para sumarse á plataforma e, desta forma, informar das súas iniciativas de xeito colaborativo. O visor, que chega así á provincia de Pontevedra só tres meses despois do seu nacemento, permitirá, entre outras cousas, a visualización comparativa dos avances en materia de transparencia. “A Administración do século XXI non só é dixital, senón tamén aberta e participativa. Falar e escoitar son as dúas caras da mesma moeda”, remarcou Carmela Silva.

A presidenta provincial tamén debullou os avances realizados na Deputación nos últimos anos como a Ordenanza provincial de Transparencia, publicada en 2019, ou a creación, só un ano despois, da Unidade de Transparencia. Ademais lembrou os datos de  consultas de información pública dende que en 2019 se abriu esta canle, a formación continua do persoal e as xornadas organizadas sobre Transparencia organizadas pola Deputación. Finalmente, Carmela Silva referiuse ao informe de 2020 do Tribunal de Contas sobre cumprimento da lexislación estatal sobre transparencia, que outorgou á Deputación de Pontevedra as máximas puntuacións do Estado e o último informe deste mesmo órgano constitucional, de 2022, que sitúa a Pontevedra e Barcelona como as líderes de España no impulso da Administración Electrónica nos concellos. Xunto a estas avaliacións públicas, referiuse tamén ás privadas, como as da consultora Dyntra, que sitúa o índice de transparencia da Deputación en 80 puntos (entre as cinco primeiras de España) e á propia presidenta como líder en toda España, cun 91,43%. “Non é algo para presumir, senón algo que é unha obriga política e pública”, afirmou.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.