A Deputación transformará e modernizará con fondos europeos sete novas oficinas da rede Info Rías Baixas

O investimento cos fondos do Tourist Inside II ascende a 519.000 € e beneficiará aos puntos de información das Neves, Tui, Redondela, Salvaterra de Miño, O Rosal, Mondariz-Balneario e Ponteareas

25/05/2023

Tourist Inside II

A Deputación de Pontevedra continúa coa transformación da súa rede de oficinas de turismo INFO RÍAS BAIXAS, integrando na estratexia dixital e na arquitectura tecnolóxica a sete novas oficinas e puntos de información turística da Rede: As Neves, Tui, Redondela, Salvaterra de Miño, O Rosal, Mondariz-Balneario e Ponteareas. “Queremos que todas as oficinas sexan modernas, estean dixitalizadas e ofrezan unha atención moi directa á xente que pase por elas, para que xere benestar e, ademais faga que se vaia encantada”, asegurou a presidenta Carmela Silva. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto “Tourist Inside II”, conta cun orzamento de 519.000 € e unha achega de 300.300 € dos fondos europeos Next Generation.

Ao longo destes meses comezará a modernización destes sete espazos, nos que se vai incorporar un ordenador e unha tablet para a recollida de enquisas de satisfacción e interacción coas persoas visitantes para mostrar os contidos turísticos da provincia. Ademais, no caso de Redondela, O Rosal, Tui e As Neves instalaranse pantallas, que nuns casos irán ancorada á parede e noutros con soporte de pé, e, adicionalmente, as oficinas de Redondela e Tui dotaranse de impresoras braille. Por outra banda, en puntos destes concellos instalaranse un total de 50 beacons, é dicir, pequenos dispositivos que emiten sinais cara os smartphones e que se empregarán para enviar anuncios ou mensaxes sobre recursos turísticos e sobre a zona na que se atopan. Serán 12 en Ponteareas, 5 en Mondariz-Balneario, 13 en Redondela, 4 en Salvaterra de Miño, 6 no Rosal, 14 en Tui e 8 nas Neves.

A creación da rede Info Rías Baixas foi, tal e como explicou Carmela Silva, “un grande proxecto que pon ao turismo no centro, moi centrado na excelencia e a calidade da atención ás persoas que nos veñen visitar”. A incorporación das novas tecnoloxías e ferramentas dixitais a estas oficinas, no marco do “Tourist Inside II” continúa o traballo iniciado xa con “Tourist Inside”, co que, en palabras da presidenta, “puxemos en marcha grandes proxectos de modernización sobre todo nos destinos turísticos máis relevantes”.

audios