Luis López presenta a primeira liña de subvencións da historia da Deputación para as agrupacións provinciais de Protección Civil dotada con 100.000 euros

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Alejandro Lorenzo, explicou que os fondos se aprobarán este vindeiro venres en Pleno, a través dunha modificación de crédito, para que os colectivos poidan atender as súas necesidades de material ou formación

24/03/2025

Luis López con Protección Civil

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adianta aos voluntarios das agrupacións de Protección Civil da provincia a aprobación, por primeira vez na historia do organismo provincial, dunha subvención de 100.000 euros para contribuír á mellora e modernización dos equipamentos e do servizo das agrupacións provinciais. Un anuncio co que o mandatario provincial, acompañado polo deputado responsable da área de Emerxencias, Alejandro Lorenzo, quixo amosar o compromiso do goberno provincial cun servizo “esencial” para a seguridade e a cohesión do territorio. “O lema do noso goberno é escoitar, para despois entender a atender”, afirmou o presidente López no primeiro encontro institucional con voluntarios de toda a provincia que tivo lugar no Salón de plenos do Pazo provincial.

No pleno da Deputación do vindeiro venres darase luz verde a unha modificación de crédito que servirá para aprobar esta subvención de 100.000 euros que irá destinada ás distintas agrupacións de Protección Civil da provincia. Unha consignación inicial que se poderá destinar a adquisición de material para modernizar os equipos, recibir formación e, en definitiva, prestar un mellor servizo. “É unha axuda para que o servizo de Protección Civil da provincia de Pontevedra siga a ser punteiro e de referencia”, resumiu o presidente. Unha liña de apoio sen precedentes na institución provincial, onde o colectivo de voluntarios nunca tivera a oportunidade de presentar as súas necesidades, que por primeira vez serán atendidas polo goberno de Luis López.

“Sodes un colectivo polo que sentimos admiración, orgullo e gratitude. Non hai evento que se celebre na provincia de Pontevedra, xa sexa un evento cultural, deportivo ou en accidentes; onde vós non sexades os primeiros en chegar e os últimos en marchar. Dades o mellor de vós mesmos, poñedes o voso tempo e os vosos recursos. E iso é digno de agradecer”, recoñeceu o presidente, quen admitiu que “queriamos dar un paso más e, por primeira vez na historia da Deputación, imos aprobar unha liña de axudas para vós”

Nun sentido similar tamén se pronunciou o deputado de Emerxencias e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, para amosar o agradecemento da Deputación nos encontros previos mantidos cos membros da Asociación Provincial de Protección Civil. “Nunca antes se reuniran coa Deputación, abrímoslles as portas e os escoitamos”, salientou o deputado. Pola súa banda, o presidente do colectivo, Javier Lois, fixo fincapé en que “nunca antes conseguiramos reunirnos coa Deputación, estamos agradecidos de que nos abriran as portas para escoitar as nosas necesidades. É un logro histórico”, afirmou.

A colaboración da Deputación cos profesionais dos servizos de emerxencias da provincia non le limita so á colaboración coas agrupacións de Protección Civil da provincia. Recentemente, o organismo provincial aprobou o primeiro convenio laboral e unha nova RPT para os traballadores dos catro parques de bombeiros que ten o Consorcio Provincial de Emerxencias. Unhas instalacións nas que a Deputación tamén ten en marcha un programa de mellora e modernización dos equipos, así foron entregados a finais do ano 2024 tres novos vehículos para o parque do Porriño. 

Galerias de imagenes

audios