SmartPeme retoma o seu servizo presencial na Estrada tras dous anos de parón pola pandemia

O espazo de asesoramento TIC da Deputación atenderá as demandas de empresas, persoas autónomas e pemes dous mércores ao mes de xeito presencial e con cita previa

18/05/2022

Despois de dous anos de parón pola pandemia, a Deputación volveu a poñer en marcha este mércores o servizo de SmartPeme no concello da Estrada de xeito presencial. A deputada provincial de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e o alcalde da Estrada, José Carlos López Campos, estiveron na reapertura deste servizo que se atopa situado nun espazo cedido polo Concello no viveiro de empresas desta localidade. As empresas, persoas autónomas e pemes que precisen asesoramento TIC personalizado dentro deste programa provincial poderán acceder ao espazo dous mércores ao mes, en horario de mañá e mediante cita previa.

Esta prestación xurdiu para evitar os desprazamentos da veciñanza da Estrada ata o punto de SmartPeme en Lalín, que presta atención ás persoas do Deza e no que existe unha elevada demanda de persoas procedentes do concello estradense representando o 30,02% do total. Así, coa reanudación desta oficina, a Deputación aposta por evitar viaxes innecesarias e por prestar un servizo máis próximo ao tecido de comercios e negocios da Estrada así como á súa poboación.

Desde o inicio do programa Smartpeme da Deputación no ano 2016 realizáronse 296 asesoramentos a persoas e empresas da Estrada e tamén se celebraron 23 obradoiros formativos. Ademais da carteira de formación e asesoramento que vai ofertar SmartPeme na Estrada ao longo do ano, faise especial fincapé nos servizos específicos para o turismo, debido a que a comarca conta con importantes recursos ligados á cultura e ao patrimonio.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 18 resultados.