A Deputación prestará servizos de asesoramento empresarial a través de SmartPeme no novo centro de cotraballo de Ponteareas
SmartPeme contaba xa na vila cunha oficina, en Ribadetea, que pasará a situarse a partir de agora na Praza Maior de Ponteareas
20/12/2023
A Deputación de Pontevedra prestará servizos de asesoramento empresarial a través de SmartPeme no novo centro de emprendemento, dinamización empresarial e cotraballo que acaba de ser inaugurado esta mesma semana pola alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, e o deputado Alejandro Lorenzo, no edificio número 13 da Praza Maior de Ponteareas. Trátase dunha oficina moderna, nun edificio que se reformulou por completo para que a veciñanza da vila con proxectos emprendedores poida facer realidade os seus soños.
A través da oficina SmartPeme de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra proporcionaralles información e asesoramento gratuíto ás persoas autónomas, pemes e persoas emprendedoras de Ponteareas e da súa contorna. Cómpre ter en conta que esta vila conta cun nutrido número de pequenos comercios, cun perfil groso de empresas que son asesoradas por este servizo da institución provincial, que poderán recibir desde xa atención personalizada para darlles resposta ás súas necesidades en canto á transformación dixital e á competitividade empresarial.
SmartPeme conta nestes momentos cunha rede de sete oficinas situadas, ademais de Ponteareas, en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Lalín e Barro. As súas principais liñas de atención ás persoas usuarias céntranse na formación gratuíta en novas tecnoloxías da información, en materia de dixitalización do sector turístico a través de TurisTIC, ou en ciberseguridade, Intelixencia Artificial e Big Data. Ademais conta cun laboratorio equipado coas últimas novidades do mundo da fabricación dixital e organiza accións para fomentar o emprendemento e a competitividade como aceleradoras empresariais.
Desde que a institución provincial puxo en marcha o servizo, SmartPeme atendeu no conxunto da provincia de Pontevedra a 2.212 empresas, realizou 2.123 obradoiros e organizou diferentes actividades nas que participaron 22.500 persoas.