O programa da Deputación SmartPeme oferta esta semana cinco novos obradoiros formativos dirixidos á transformación dixital das pemes e persoas autónomas

Ciberseguridade, fabricación dixital, Instagram e obrigacións fiscais dun establecemento comercial serán as temáticas sobre as afondará o programa de asesoramento tecnolóxico

21/05/2023

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas, enmarcadas na súa carteira de obradoiros e encamiñadas á transformación dixital das pemes e persoas autónomas da provincia. As accións tratarán temas como o Ramsonware e suplantación de identidade en ciberseguridade, o Debuxo 3D con Onshape III - PartStudio III, fabricación dixital a través de Laminador Cura I, obrigacións fiscais dun establecemento comercial ou o aproveitamento do Instagram nas vivendas turísticas.

Este luns 22 de maio, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, Ramsonware e suplantación de identidade”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer o Ransomware, en que consiste e como afecta, así como presentar as múltiples formas de suplantación de identidade e como protexernos das mesmas.

O martes 23 ás 11:00 terá lugar o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio III”, onde o  público asistente verase implicado no proceso de fabricación dixital dun xeito teórico e práctico da man de Manuel Freire, co gallo de ser capaz de deseñar unha peza en 3D.

O mércores 24, na quenda de mañá, Paz Ares, Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, impartirá o taller “Obrigacións fiscais dun establecemento comercial” no que afondará no sistema tributario español, os tributos, o seu funcionamento e a súa xestión dende a perspectiva dun establecemento comercial. Na quenda da tarde, Patricia Cabaleiro, Postgraduada en Turismo, impartirá o taller “Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística”, a través do cal se proporcionarán os coñecementos precisos para chegar a máis clientes a través desta rede social.

Finalmente o xoves 25 de maio impartirase o taller “Fabricación dixital. Laminador cura I”, onde Manuel Freire continuará achegando formación mixta  para lograr o deseño dunha peza en 3D.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.