O programa Smartpeme da Deputación oferta esta semana tres novas accións formativas telemáticas
Os obradoiros céntranse en ciberseguridade, ferramentas para crear unha tenda online e posicionamento web con Google Search Console
08/10/2023
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas online enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Nestes talleres continuarase cos ciclos de ciberseguridade, así como proporcionaranse as ferramentas para crear unha tenda online e as claves para impulsar un mellor posicionamento web con Google Search Console.
A semana comezará co obradoiro de “Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de Identidade” que terá lugar o luns 9 de outubro entre as 10:30 e as 11:30 horas. No curso darase a coñecer o Ransomware, en que consiste e como afecta, co obxectivo de proporcionar as ferramentas para protexerse. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, será o encargado de impartir a formación.
O martes 10 celebrarase o obradoiro “Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña” de 12:00 a 13:00 horas. O taller telemático afondará na situación actual do comercio electrónico para establecer os primeiros pasos para poñer en marcha unha tenda online, así como as plataformas precisas para creala. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cunha ampla experiencia asesorando empresas no ámbito da comunicación e o marketing dixital, será a encargada de impartir a formación.
O mércores 11 terá lugar a acción telemática “Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console” de 17:00 a 18:00 horas. A través desta formación, impartida por María Aller, experta en marketing dixital e e-commerce, ensinarase a persoas autónomas, empresarios e emprendedores a optimizar a súa páxina web e escalar posicións nos motores de busca.