Máis de 150 persoas participan este domingo na segunda das “Depo_Rutas BTT” da Deputación que terá lugar en Mondariz
O luns 25 de setembro abrirase a inscrición para a terceira e última actividade deste programa provincial, que terá lugar o 25 de outubro pola serra do Cando, en Forcarei
23/09/2023
Máis de 150 persoas participarán este domingo 24 de setembro en Mondariz na segunda das “Depo_Rutas BTT” que organiza a Deputación de Pontevedra este ano e que pasará por paraxes da vila. Estas rutas en bicicleta enmárcanse na programación impulsada pola institución provincial co obxectivo de fomentar os hábitos saudables a través da práctica de actividade física en contacto coa natureza.
A ruta de Mondariz, con saída (ás 10:00 horas) e chegada ao campo de fútbol da Lagoa, consta de aproximadamente 25 quilómetros e ten dificultade media. Discorre a través de paisaxes nas que as persoas participantes poderán gozar de elementos coma o carballo da Armada, unha árbore centenaria, así como das vistas do castelo de Sobroso ou da ermida de Santa Trega. Haberá un aprovisionamento na metade do percorrido e ao finalizar.
Dirixidas a persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, as “Depo_Rutas BTT” ofrecen percorridos ciclistas polos montes da provincia, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade natural, ecolóxica e patrimonial da provincia. Despois da realización da ruta por Mondariz, este luns 25 de setembro ábrese o prazo de inscrición para a terceira e última proba, que pasará pola serra do Cando, en Forcarei, e terá lugar o 25 de outubro. Ofértanse un total de 200 prazas e as persoas interesadas deberán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.es).