O Revitaliza exporta o seu modelo sobre xestión de residuos a Madrid, Cáceres e Pamplona
A xefa da sección provincial de residuos falará como representante “dun caso de éxito” de compostaxe descentralizada, da importancia do persoal técnico e da agrocompostaxe
14/04/2023
A Deputación de Pontevedra vai exportar novamente o seu modelo de xestión de residuos do Plan Revitaliza a Madrid, Cáceres e Pamplona no vindeiro mes. A xefa da sección provincial de residuos María Martínez Abraldes participará en charlas organizadas polo Concello de Madrid, a asociación ‘Economías BioRegionales’ xunto á Deputación extremeña, e a Mancomunidade pamplonesa, e falará do traballo que se fai na provincia de Pontevedra en compostaxe descentralizada (comunitaria e individual), da importancia do persoal técnico (as mestras e mestres compostadores) e da iniciativa para poñer en marcha plantas de agrocompostaxe, que agora ten en marcha a institución provincial.
A experiencia da provincia de Pontevedra, considerada “un caso de éxito”, será exemplo para despois adaptar iniciativas nos territorios. A primeira charla será o día 18 de abril, e está organizada desde o Laboratorio Inclusivo de Solucións Baseadas na Natureza (#SBNLabInclusión) do Centro de Innovación en Economía Circular do Concello de Madrid baixo o título ‘O futuro da Compostaxe na Economía Circular’.
O evento servirá para para coñecer en primeira man “os desafíos, oportunidades e casos de éxito do aproveitamento económico circular na xestión de biorresiduos para unha transición ecolóxica xusta”. Xunto á participación pontevedresa, estará a conselleira técnica na Subdirección Xeral de Economía Circular da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Xema Gonzalo; xunto á directora de ASPODEMI (Miranda do Ebro, Castela e León) Tania Busto López; e o xerente de Elkarkide (Pamplona) Marcos Resano.
Xa o 20 de abril terá lugar a xornada de presentación ‘Estratexias para implementar a compostaxe descentralizada na provincia de Cáceres’, na que tamén participarán representantes do Ministerio para falar da nova orde de compostaxe descentralizada que se vai aprobar proximamente, e na que participarán como exemplos as iniciativas de compostaxe da Mancomunidade da Serra Norte de Madrid, ademais de representantes da Universidade Miguel Hernández.
Finalmente, o 17 de maio o Revitaliza tomará parte da mesa técnica organizada pola Mancomunidade da Comarca de Pamplona (MCP) dentro do Seminario sobre Residuos Municipais, que será moderada por Fernando Albarrán Vargas-Zúñiga, director técnico de RECIPLASA. Na xornada estarán ademais da representante pontevedresa, a técnica de MCP Beatriz Yaben Oyarzun, e a responsable da secretatía técnica de Composta en Rede Beatriz Martín Castro.
O quilómetro cero, a clave
Na súa exposición, Abraldes explicará que o Plan Revitaliza da Deputación implica a 48 concellos da provincia que teñen como obxectivo aplicar a compostaxe como modelo de xestión de lixo co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas de reciclaxe.
O Revitaliza, lembrou, baseouse fundamentalmente no peso que ten o orgánico na bolsa do lixo urbana (supón o 53%, unha cifra maior que noutras localidades), na existencia de puntos de xeración de residuos moi dispersos, así como na presenza maioritaria de vivendas unifamiliares nas que é posible facer o tratamento do orgánico ‘in situ’, a quilómetro cero. Argumentou que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais. Salientou tamén a importancia de dispoñer de persoal formado para o control e seguimento dos centros, que na provincia de Pontevedra se fai a través dun corpo de mestras e mestres composteiros.
Neste sentido, a xefa de residuos da Deputación destacou que nestes momentos está en marcha unha iniciativa para o tratamento dos biorresiduos urbanos xunto con residuos producidos na agricultura ou na gandería (agrocompostaxe). O obxectivo é aproveitar sinerxías e solucionar o déficit que teñen este tipo de empresas para conseguir fertilizantes de boa calidade e, ademais, solucionar tamén o problema dos concellos para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación.
Para poñer en marcha proxectos conxuntos entre concellos e empresas agrogandeiras, a administración provincial –explicou- ten en marcha unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros para subvencionar a empresas ou cooperativas que produzan residuos agrogandeiros, silvícolas, vitivinícolas, hortofrutícolas, adegas ou similares, e que precisen utilizar fertilizantes. As subvencións están destinadas a construír ou adaptar instalacións e adquirir maquinaria coas que realizar a agrocompostaxe.