Luis López trasládalle ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o compromiso de reforzar os investimentos nos concellos

O presidente da Deputación de Pontevedra mantivo este mércores un encontro de traballo co rexedor arousán para repasar proxectos comúns en execución e de futuro, e cumpre así a súa palabra de reunirse con todos os alcaldes da provincia que o soliciten

04/10/2023

reunion presidente alcalde vilagarcía

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladoulle ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o compromiso do Goberno provincial de reforzar os investimentos nos concellos. Fíxoo nun encontro de traballo que tivo lugar este mércores no Concello arousán e que serviu para repasar proxectos en común de ambas as administracións que están en marcha e de futuro.

Na reunión, que durou arredor dunha hora, os dous dirixentes analizaron investimentos vindeiros dos que Luis López insistiu en que “a aspiración da Deputación non é só manter, senón reforzar os investimentos nos concellos para relanzar a transformación da provincia en todos os recunchos”. Do mesmo xeito, abordaron tamén traballos en marcha e estudaron a posible flexibilización de prazos nalgunhas obras.

Neste sentido, o presidente  subliñou que nos Orzamentos de 2024 o Goberno da Deputación vai potenciar os investimentos nos municipios; unha iniciativa que servirá para darlle a Vilagarcía de Arousa, a terceira cidade da provincia, “un empuxe maior para a consecución de fondos que permitan executar proxectos de interese para a cidadanía”, declarou o dirixente provincial.

“Garantimos colaboración, lealdade institucional máxima e cooperación. Todos os concellos son importantes para configurar unha provincia con moito máis futuro, no que Vilagarcía de Arousa xoga un papel clave”, defende Luis López, quen puntualiza que “así como garantimos compromiso, tamén lle pedín ao alcalde facilidades e axilidade para materializar eses investimentos”.

O trato cordial entre os dous dirixentes marcou o ton desta segunda visita do presidente da Deputación ás e aos  alcaldes da provincia. Unha visita singular, porque “Vilagarcía de Arousa ten un significado especial para min, é a miña casa e o lugar onde están a crecer os meus fillos”, confesou o mandatario provincial, quen lle agradeceu ao rexedor, Alberto Varela, o recibimento e o interese por manter esta entrevista.