O Palacete das Mendoza convértese na oficina máis dixital, sorprendente e inclusiva de Turismo Rías Baixas

Realidade virtual, inmersión audiovisual e dispositivos interactivos forman parte do proxecto de transformación da sede de Turismo incluído no programa “Tourist Inside”

23/12/2022

palacete de las mendoza

O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, xa loce o seu innovador e ambicioso lavado de cara. A Deputación de Pontevedra reabre as portas da oficina de información turística tralas obras de accesibilidade e transformación dixital acometidas nos últimos meses. O palacete pasa así a converterse nun novo recurso turístico para a provincia, moi relacionado co legado histórico do inmoble e cun especial protagonismo das que foron as súas últimas moradoras e propietarias, representantes da alta burguesía da sociedade da cidade de Pontevedra de comezos do século XX: as irmás Mendoza. Todo iso grazas ao emprego de tecnoloxías punteiras como realidade virtual, hologramas ou unha sala inmersiva no marco do programa “Tourist Inside”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo un percorrido por todas as novidades do Palacete das Mendoza tralas ambiciosas obras, valoradas en arredor de 350.000 euros.

A presidenta provincial asegurou que “o novo Palacete das Mendoza vai sorprender moito”, xa que agora “deixa de ser un espazo onde a xente vén buscar información turística para ser unha vivencia, unha experiencia na que a xente se vai mergullar na nosa historia e o noso patrimonio”. “As persoas visitantes”, asegurou, “queren vivir experiencias e emocións e coñecernos, e iso agora vai comezar na propia oficina”. Carmela Silva informou de que a través desta nova experiencia dixital “as irmás Mendoza reviven e ímolas poder ver tal como eran, coas súas traxes e interactuando coa xente”, o que permite “recuperar o noso patrimonio, unha historia viva para volver ao pasado e coñecer historias das irmás Mendoza, desta cidade e da súa relación con outros lugares”.

Carmela Silva lembrou que este proxecto de transformación foi concibido “como unha experiencia inmersiva dividida en catro zonas: un xardín, unha sala inmersiva, un espazo de realidade virtual e un espazo holográfico”, é dicir, “está dotado de todas as últimas tecnoloxías, con elementos audiovisuais que permitan ata crear rutas que a xente vai ter no seu móbil, é dicir, un cambio transcendental”. “En Galicia non haberá outro espazo de turismo dixital e virtual como o que temos aquí agora na Deputación de Pontevedra, un espazo marabilloso, acolledor, precioso e cheo de tecnoloxías, de experiencias e de emocións”, totalmente equipado para ser accesible, “con contidos históricos avalados por persoas expertas” e con toda a información dispoñible en galego, castelán, portugués, inglés e francés. “Somos unha provincia moi avanzada nas novas demandas das persoas visitantes”, asegurou Carmela Silva.

Tecnoloxías de vangarda

O xardín, na ala dereita, é un espazo tematizado que recrea os xardíns do Palacete durante a vida das irmás Mendoza, con mobiliario, elementos de información (pantallas e soportes de pantalla táctil) e un sistema de aromaterapia “para vivir sensacións”, asegurou a presidenta provincial.

A sala inmersiva 270º, situada ao fondo tralo mostrador, é unha área de proxeccións onde se mostran contidos inmersivos. Está totalmente tematizada na época na que viviron as irmás Mendoza (co emprego de vinilos, lámpada de época e estores automáticos) e dispón dun grande equipamento tecnolóxico con máis de 33 m2 de pantallas de proxección.

Na ala esquerda do palacete atópase o espazo de realidade virtual 360º, no que as persoas visitantes se poden mergullar en 7 salas que recrean os salóns das irmás Mendoza a finais do século XIX empregando gafas de realidade virtual controladas por joysticks. O espazo tamén está tematizado fisicamente con mobiliario ambientado na época.

O cuarto espazo, situado entre a sala de realidade virtual e o mostrador, é un espazo holográfico no que un equipo de holografía amosa unha gravación que recrea as irmás como donas do Palacete en distintos contextos da súa vida.

Tamén se transformou o mostrador de atención ao público para un maior aproveitamento do espazo, pasando de estar relegado ao fondo a ocupar todo o espazo central. Deste xeito optimízase a atención e gáñase tanto en almacenamento como en inclusión, xa que conta cunha zona especial para atender as persoas con mobilidade reducida. Nel “estarán dispoñibles, a partir de febreiro, unha impresora braille para imprimir folletos a medida para persoas invidentes e un bucle magnético que permite mellorar a sonoridade para persoas que empregan audiófono”, avanzou Carmela Silva. Todos os vídeos que se proxectarán na oficina levarán interpretación en lingua de signos. “Non logramos só a accesibilidade posibilitando que estas persoas se poidan achegar, senón que van ter unha atención igualitaria”, asegurou a presidenta provincial.

Ademais destes catro espazos e o mostrador, o proxecto “Tourist Inside” tamén incluíu a dotación de numerosos elementos tecnolóxicos para facilitar unha información flexible e adaptada ás persoas usuarias no Palacete das Mendoza. Salienta a mesa interactiva, con pantalla de 65 pulgadas, multitáctil e a proba de golpes de derrame de líquidos, con deseño accesible. A través dun mapa interactivo, as persoas visitantes poden gardar recursos turísticos e a mesa crea automaticamente unha ruta que poderán enviar ao seu correo electrónico. Tamén un videowall, no fondo do espazo central, a modo de grande escaparate virtual da provincia. Está configurada con 16 monitores multipantalla, de 55 pulgadas cada un. Tamén se traballou no portal web e nunha aplicación móbil e instaláronse dúas tablets con soporte de pé nas que se recollerá o retorno da experiencia con enquisas de satisfacción. Os seus resultados serán destinados á vixilancia tecnolóxica do destino para futuras tomas de decisión no eido da promoción e comercialización dos recursos da provincia.

A institución provincial puxo en marcha “Tourist Inside” con Red.es para transformar as 33 oficinas da rede Info Rías Baixas coa introdución das novas tecnoloxías e dar un salto de calidade na promoción dos recursos e infraestruturas turísticas da provincia. “Tourist Inside” conta cun orzamento de 1,1 millón de € e está financiado ao 60% por Red.es con fondos FEDER e ao 40% pola Deputación de Pontevedra.

O Palacete das Mendoza renova o acceso para as persoas con mobilidade reducida

A reapertura do Palacete das Mendoza tamén incorpora o novo acceso para persoas con dificultades de mobilidade. As obras de accesibilidade consistiron na dotación dun elevador exterior, situado a carón das escaleiras principais, que leva directamente á zona central do recinto, entre a entrada principal e o xardín.

A presidenta da Deputación celebrou que, “por fin, despois de moitos intentos e moitos proxectos, conseguimos ter todos os informes preceptivos para agora poder ter un acceso ao hall que leve directamente á zona central deste palacete” e, con iso, “que todas as persoas teñan a posibilidade de acceder sen problemas”. Carmela Silva asegurou que “a solución anterior pasaba por un acceso diferente, e é normal que ás persoas con problemas de mobilidade non lles gustase, porque teñen dereito a acceder desde a mesma entrada que as demais”. Cómpre lembrar que o Palacete das Mendoza está declarado BIC e conta cunha serie de condicionantes ao abeiro do PEPRICA, nivel III, de protección estrutural.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.