Rematan as novas instalacións de biomasa que impulsou a Deputación en seis concellos da provincia cun investimento próximo aos 500.000 euros
As obras que se realizaron en edificios municipais da Cañiza, Cangas, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa contaban con financiamento do fondo FEDER 2014-2020
19/11/2023
Rematan as novas instalacións de biomasa que impulsou a Deputación de Pontevedra en edificios municipais de seis concellos da provincia, que contaron cun orzamento total de 463.000 euros, dos que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) concedeu unha axuda de 387.900 euros a través do fondo FEDER 2014-2020. As obras leváronse a cabo nos concellos da Cañiza, Cangas, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa, nos que se substituíu o sistema anterior por unha caldeira de biomasa co fin de empregar instalacións térmicas máis eficientes, o que lles permitirá reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de residuos de carbono.
En concreto, en Cangas, grazas a un investimento de 110.220 euros, instaláronse caldeiras de biomasa na pista de atletismo e no pavillón; en Redondela foron 109.777 euros os que permitiron actuar no pavillón municipal e na casa da cultura, e en Portas, cun orzamento de 101.120 euros, fixéronse as obras de mellora enerxética no albergue, no campo de fútbol e no pavillón municipal. Ademais, en Tomiño as caldeiras de biomasa instaláronse no edificio de benestar social e no da Policía Local cun orzamento de 39.322 euros e en Vilaboa a casa do concello conta con novas instalacións térmicas grazas a un investimento de 38.945 euros.
Por último, na Cañiza, cun orzamento de 63.670 euros, substituíronse as bombas de calor e os radiadores eléctricos por estufas de pélets en quince edificios municipais: nos centros culturais de Cebreiro, O Couto e Luneda; nos tanatorios do Couto, Luneda, Valixe, Petán e Deva; no consultorio médico, na Biblioteca e na Casa da Irmandade de Valeixe; nos antigos colexios do Feirón e de Petán; e na cafetería da casa da cultura e centro cultural de Pateiro.