O Servizo Español para a Internacionalización da Educación recoñece a calidade do proxecto Erasmus+ 2023 da Deputación

O SEPIE entregaralle o galardón á institución provincial nunha gala que se celebrará o vindeiro 12 de decembro no Teatro Real de Madrid

17/11/2023

Rafa Dominguez na rolda de prensa no pazo provincial

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir o Recoñecemento á Calidade de Proxectos Erasmus+ 2023 en Formación Profesional da man do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), o organismo dependente do Ministerio de Universidades. “É unha noticia que demostra que estamos facendo ben as cousas e que a min, como responsable de Economía e Impulso ao Emprego, me fai especial ilusión”, confirmou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.

A institución provincial recibirá o galardón o vindeiro 12 de decembro no Teatro Real de Madrid, na Xornada Anual de Difusión Erasmus+, unha cita na que se porán en valor os logros do programa en cada un dos sectores educativos, e visibilizarán exemplos de boas prácticas e testemuñas, ademais de facer o acto de entrega destes recoñecementos a nivel nacional, dos galardóns EITA 2023 e do Selo Europeo das Linguas 2022.

O SEPIE recoñece así o labor que a Deputación desenvolve na xestión deste programa que busca completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. O propósito é que adquiran experiencia laboral, melloren o seu perfil profesional, adquiran novos coñecementos relacionados coa súa profesión e, en consecuencia, melloren as súas perspectivas de emprego.

A Deputación de Pontevedra desenvolve o proxecto Erasmus+ a través dun consorcio formado por 40 centros de Formación Profesional de 24 concellos da provincia, polo que, como asegurou o vicepresidente provincial, “este recoñecemento é compartido, é tamén para os centros educativos e o profesorado. Van tamén para eles os meus parabéns”.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.