A figura humana e a música, grandes protagonistas das tres décadas de pintura de Rafael Úbeda recollidas na mostra do Museo ‘Expresións cromáticas’

A exposición inaugurouse hoxe coa actuación de parte da Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero

22/06/2023

Rafael Úbeda

A exposición ‘Rafael Úbeda. Expresión cromáticas’ inaugurouse hoxe no Museo de Pontevedra. Presenta unha selección de medio cento de obras, entre pinturas sobre táboa, sobre lenzo e algúns debuxos, creadas por Rafael Úbeda nas tres últimas décadas. Na inauguración, o pintor pontevedrés estivo acompañado de Pilar Corredoira, comisaria da mostra, e de José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra. Estará aberta no Edificio Castelao ata o 17 de setembro.

José Manuel Rey destacou que se trata dun “artista de talla internacional ao que Galicia debía unha exposición sobre os últimos anos creativos”. Nacido en Pontevedra en 1932, Úbeda formouse en primeira instancia na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. Na súa traxectoria vital e artística acumulou experiencias, premios e exposicións en diferentes lugares do mundo: pintou un gran mural na basílica de Nazaret, en Israel, e a súa obra está presente das paredes de institucións e museos de Bélxica, Estados Unidos, Alemaña, Nicaragua, México ou Irán, así como na propia colección permanente do Museo de Pontevedra.

Na década de 1960 formou parte do grupo de gravadores Zebra e traballou en escenografías nos estudos de Cinecitta en Italia. É doutor en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e académico numerario da Real Academia de Bellas Artes. Foi profesor de Pintura nas escolas superiores de Belas Artes de Madrid, Barcelona, La Laguna e Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria obtivo diversos premios e medallas. 

Para o director do Museo de Pontevedra, o máis salientable é que “aos seus 90 anos, Rafael Úbeda segue a pintar cunha constancia envexable, lanzado interrogantes, abrindo novas portas, sen encerrarse nun tempo pasado; iso é algo que o distingue e que merece a nosa admiración”.

A exposición que hoxe se abriu non é un repaso á súa traxectoria, senón un achegamento á pintura recente, a que vén facendo nas tres últimas décadas. “É a exposición dun pintor vivo no sentido máis amplo da palabra”, indicou José Manuel Rey, que puxo como exemplo que a exposición que hoxe se abre inclúe varias obras que datan deste mesmo ano, como ‘Sueño armónico’, ‘Los circenses’ ou ‘Un trasno no entroido’.

Para a comisaria da mostra, Pilar Corredoira, “as obras que ilustran este traxecto remiten ás súas esencias multiformes e á exaltación dunha das grandes calidades que comporta a súa pintura e que non é outra que a acusada expresividade cromática”. Corredoira sinala que nas creacións reunidas nesta exposición “queda reflectida a importancia que o artista lle outorga á figura humana, distribuída en composicións solitarias ou en grupos; intencionadamente deformada, expresionista, ofrecendo un conxunto cohesionado que cobra vida nun contexto xeométrico”.

Na inauguración actuou parte da Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección do seu fundador, director e concertino, Rogelio Groba Otero. A actuación plasmou a vinculación entre música e pintura que atravesa a obra de Rafael Úbeda e que está presente en moitas das pinturas expostas, con títulos tan explícitos como ‘Viento y cuerda’, ‘Homenaje a Shostakovich’, ‘Timbres del contrabajo’, ‘Arpegios esparcidos’ ou ‘Trovador dos camiños’.

“Aquelas e aqueles que, como o propio Úbeda, sexan persoas sinestésicas, poderán traducir en sons a partitura de cores que verteu sobre cada cadro, e todas e todos gozaremos dunha ou outra maneira da musicalidade das súas composicións visuais”, sentenciou José Manuel Rey. 

A exposición completarase coa próxima edición dun catálogo en edición bilingüe que reúne reproducións de todas as obras expostas e textos asinados por Pilar Corredoira, comisaria da mostra; María Guzmán Pérez, catedrática de Pintura Contemporánea da Universidade de Granada; polo humorista gráfico e ensaísta Siro; polo compositor Juan Durán; e polo musicólogo e crítico musical José Luis García del Busto.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.