A Deputación de Pontevedra promociona a provincia cunha caseta propia, entre o 1 e o 3 de novembro, en Fairway

Participará xunto con outros 110 expositores no V Fórum do Camiño de Santiago que terá lugar en Compostela. Trátase do primeiro congreso con feira tematizada a nivel internacional centrada no fenómeno xacobeo

31/10/2023

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na súa estratexia de promoción turística coa participación, entre o 1 e o 3 de novembro, en  Fairway. O V Fórum do Camiño de Santiago terá lugar en Compostela e trátase do primeiro congreso con feira tematizada a nivel internacional centrada no fenómeno xacobeo. “Temos moi claro que, para que esta provincia vaia a máis, é unha obriga apostar por este itinerario cultural europeo, polo Camiño de Santiago, e polas seis rutas oficias que atravesan a provincia cara a Compostela”, remarcou a deputada de Turismo, Nava Castro, ao detallar que a institución provincial terá unha participación activa no evento a través dunha caseta propia.  

Na caseta da Deputación, tal e como explicou Nava Castro, distribuiranse entre o 1 e o 3 de novembro preto de 3.500 materiais informativos en castelán e en inglés centrados nas rutas que atravesan a provincia cara a Santiago de Compostela, así como nos atractivos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos de Pontevedra. Tamén haberá folletos sobre o mosteiro da Armenteira e a Ruta das Camelias, sobre elementos de arquitectura contemporánea e propostas de rutas, experiencias e rutas en moto que se poden realizar na provincia. Ademais, tal e como remarcou Nava Castro, “queremos facer tamén fincapé na diversidade de itinerarios culturais europeos que atravesan a provincia, entre os que se atopan, xunto ao Camiño de Santiago, o Gran Itinerario Cultural de Vikingos e Normandos, a Ruta Europea das Abadías Cistercienses, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, a Ruta dos Fenicios e a Ruta Europea dos Xardíns Históricos”.  

Fairway contará na súa quinta edición coa participación de máis de 110 expositores. Ademais, completa o fórum un congreso no que se debaterá sobre “Veciños, turistas e peregrinos, condenados a entenderse”, “Taxa turística. Alea jacta est”, “Rutas e camiños no mundo. O fenómeno das peregrinacións máis alá das nosas fronteiras” e a “Xestión da seguridade e hixiene no Camiño de Santiago. Houston, temos un problema”. Ademais, desenvolverase un programa de formación denominado “Academy”, que afondará nas “Técnicas de atracción e conversión de tráfico para competir coas OTAS”, “Intelixencia artificial ao servizo do viaxeiro, realidades para aproveitar o potencial das máquinas”, “WhatsApp, marketing e comunicación instantánea. A intelixencia artificial no proceso de interacción entre aloxamento e viaxeiro”, “TikTok como ferramenta de xeración de reservas”, “Youtubers, bloggers, tiktokers e instagrammers. Estase a facer algo ben á hora de captar a atención do público?”,  “Nómadas dixitais: un mercado internacional para o Camiño de Santiago” e “Economía circular. Sumamos un grao á sostibilidade”.
 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.