Vigo escenario da xornada da Deputación e da FEMP para explorar as oportunidades do deporte na loita contra as desigualdades no marco da Axenda 2030

A xornada “ODS e Deporte” terá lugar o 21 de setembro no Mar de Vigo e contará coa presenza do Secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco

13/09/2022

PRESENTACIÓN XORNADA ODS E DEPORTE

O deporte non só ofrece grandes beneficios para a saúde, senón que favorece a integración e a sociabilización e contribúe á redución das desigualdades, acadando o desenvolvemento persoal e unha sociedade máis xusta. É por iso que as administracións públicas teñen un papel fundamental á hora de fomentar a súa práctica entre a cidadanía, e convertelo nun instrumento para a loita contra a desigualdade seguindo os criterios da Axenda 2030. Ese é o punto de partida da xornada “O deporte como ferramenta clave para a redución da desigualdade no marco da Axenda 2030”, que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Consello Superior de Deportes, organizan o vindeiro 21 de setembro no Auditorio Mar de Vigo (inscricións e información en http://odsdeporte.femp.es/).

Grazas a este evento, Vigo converterase, como dixo a presidenta de Deputación, Carmela Silva, “na capital do deporte e, sobre todo, daquel que busca incluír a todas as persoas na súa práctica”. “Isto é máis que unha mera reunión da FEMP, hai que poñela en valor polo gran fenómeno que é a revolución do deporte no século XXI”, recalcou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a presentación da xornada, xa que, na actualidade, “o deporte xa é moito máis que ocio, tempo libre ou actividades física: é unha cultura”. E faise en Vigo que, apuntou Carmela Silva, “é a cidade de Galicia que organiza máis eventos deportivos”.

A xornada está enmarcada dentro das actuacións previstas no Plan de Actuación deseñado entre a FEMP e o Consello Superior de Deportes para a promoción de programas deportivos para a redución da desigualdade no marco da Axenda 2030. Este sitúa como eixo prioritario, como explicou Carmela Silva, o fomento da actividade física e deportiva con eventos “plurais e diversos, nos que as mulleres, as persoas con discapacidade, as nenas e nenos, a mocidade, as persoas maiores, etc., teñen espazo para practicar deporte”. Precisamente, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, son “grandes referentes a nivel do Estado, no desenvolvemento desta axenda e na consecución dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, lembrou Carmela Silva.

Un programa de luxo

Durante as diferentes mesas de debate haberá a oportunidade de coñecer as boas prácticas na xestión do deporte local como ferramenta para acelerar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xunto con diferentes experiencias locais centradas en reducir a desigualdade a través do deporte no marco da Axenda 2030.

Na xornada, amais da apertura co presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta provincial Carmela Silva e o Secretario de Estado para o Deporte e presidente do Consejo Superior de Deportes, José Manuel Franco, participarán poñentes expertos e expertas en materia de deporte do ámbito local, administracións públicas, entidades, organizacións e referentes deportivos a nivel nacional. Destacan os alcaldes e alcaldesas e alcaldes e alcaldesas de concellos como Palma, Cáceres, Sant Feliu de Llobregat, Azuqueca de Henares (Guadalajara), Villarramiel (Palencia) ou Santomera (Murcia). Mais tamén participarán persoas doutras administracións, como o presidente da Deputación de León, Eduardo Morán, ou a directora xeral do Principado de Asturias, Aida Nuño.

No ámbito deportivo, tamén haberá relatores e relatoras que son “referentes no mundo do deporte, sobre todo no inclusivo, que é polo que máis hai que apostar”, subliñou Carmela Silva. Así, participará Esther Martínez, exdeportista e experta en igualdade de xénero no deporte; Mari Cruz Seco, adestradora do Club Piragüismo Vilaboa; Agustín Alejo, representante da Asociación Minusválidos Físicos de Vigo de baloncesto; Juan Antonio Segura, director do Consorcio de Entidades para a Acción Integral con Migrantes (CEPAIM), ou Mercé Barrientos, a presidenta de Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega).

Os e as participantes no encontro terán a oportunidade de coñecer a cidade de Vigo, con una visita ás Illas Cíes, o solpor desde Samil nunha recepción no Hotel Attica21, ou unha visita á vila romana de Toralla para coñecer a historia da cidade.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.