Ortega: “A memoria segue a ser unha tarefa urxente e ineludible; aínda non fomos quen de resarcirnos de todas as perdas do franquismo”

O Departamento de Memoria da Deputación presentou hoxe ‘O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible’, un libro que pretende “dar pulo” a novas investigacións sobre a sociedade e as liberdades anteriores ao golpe

03/05/2023

Presentacion do libro O pasado por vir 2

O Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou hoxe ‘O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible’, un libro que pretende “dar pulo” a novas investigacións sobre a sociedade anterior ao golpe de estado, e no que se inclúen artigos sobre proxectos concretos relacionados coa modernización, o desenvolvemento científico, a economía, a loita feminista, o comercio, o deporte e a arte na Galiza -e na provincia de Pontevedra en particular- a principios do século XX.

A deputada de Memoria María Ortega, encargada de abrir a presentación da publicación –que encheu o salón de plenos provincial coa participación da técnica de Memoria e coordinadora do libro Montse Fajardo, Xaime Toxo e Margarita Ledo- subliñou que “necesitamos facer un esforzo conxunto porque a memoria segue sendo unha tarefa urxente e ineludible”. “O franquismo, -dixo a nacionalista- ademais de destruír o soño colectivo, demonizou a importancia do tempo furtado, e loitar contra ese relato imposto é a única forma de deixar atrás o tempo do medo e avanzar en liberdade”.

“A ditadura rouboulle demasiado tempo á sociedade soñada e tócanos remar para ser a xeración que a acade”, subliñou Ortega, destacando que pasou case un século dende o golpe de estado e “aínda non fomos quen de resarcirnos de todas as perdas”. Para facelo, insistiu, “é imprescindible estudar e divulgar, non só a represión, senón tamén como era a sociedade anterior ao golpe”.

Para iso, dixo, ‘O Pasado Por Vir 2’ recolle o testemuño da anterior publicación do departamento de Memoria editada en 2021 (O Pasado Por Vir. Achegas á historia que desbotou o Franquismo’), que xa contaba a grandes pinceladas como foran as loitas agraria, política, sindical ou cultural de inicios do século XX.

”Este libro vainos axudar a construír ese pasado que ficou por vir”, asegurou, con escritos e investigacións “que permiten que paseemos por distintos lugares da nosa provincia” para coñecer mellor proxectos como a Cerámicas Celta de Pontecesures, o Samil de Os fillos do sol, o Tomiño da Aurora del Porvenir, a Pontevedra da Misión Biolóxica, ou o Bueu cultural que reunía a Maruxa Mallo, Johan Carballeira, Romulos Gallegos ou Torrente Ballester. Tamén achega as biografías de persoas como Alejandro Viana, Urania Mella, Xan de Forcados ou Onia Moreno, das que malia a súa importancia, insistiu, aínda queda moito por descubrir.

Palabra e luz da cultura en Bueu

As persoas autoras dos dez artigos incluídos en ‘O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible’ son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.

Deles, Xaime Toxo e Margarita Ledo estiveron presentes hoxe na presentación no salón de plenos provincial falando dos seus respectivos artigos: ‘A xénese do intanxible: Bueu: 1931/1936’ (xunto a Francisco Rodríguez Pastoriza e Arturo S. Cidrás) o primeiro, e ‘Esas doas que entrenzan nación e cinema’, a segunda.

Toxo afondou no tempo do rebulir da vida política e social no Bueu de antes do golpe, no que un conglomerado de formacións políticas de centro esquerda chegou á Alcaldía con Johan Carballeira como alcalde. Lembrou o conflito motivado pola abundancia de sardiña e a loita fratricida entre a xente do mar e o colectivo armador, e como o rexedor –un habitual dos artigos de opinión nos xornais- adoptou medidas como unha subscrición pública para axudar á xente do mar, a negociación da baixa do prezo do pan, ou que houbese un prezo mínimo para as caixas de peixe e un soldo base para as persoas traballadoras, algo que puxo Bueu na mirada de todo o país.

O investigador subliñou que nese contexto chegou o golpe de Estado “e a represión gadañou proxectos, esperanzas e moitas vidas, como a do alcalde Carballeira”, cuxo arresto se baseou na falsa acusación de que entregara dinamita almacenada no Concello para voar a pequena ponte na estrada de Bueu a Pontevedra co fin de defender a República.

Toxo fixo un percorrido polas personalidades que coincidían en Bueu naquel entón, dende o Torrente Ballester que manifestaba as súas simpatías ao nacionalismo democrático do Partido Galeguista; ao debuxante Federico Ribas, figura consolidada da vangarda da publicidade naquel momento en España, e a súa muller Georgina; o escritor e político venezolano Rómulo Gallego, exiliado en España; Alberto Fernández, destacado activista política e líder dos sindicatos ferroviarios; a artista Maruja Mallo; o fotógrafo José Suárez ou o cineasta Carlos Velo.

Sobre eles, co golpe, pende ademais dunha “traxedia política”, dixo o historiador, “unha ameaza persoal”, porque axiña comezou en Galicia a represión brutal sobre quen defendera a legalidade republicana. Moitas destas persoas marcharon ao exilio, outras  agocháronse un tempo e logo intentaron fuxir; outras persoas como Alberto Fernández son condenadas a cárcere tras conmutarlle a pena de morte; e Carballeira é fusilado o 17 de abril de 1937.

A relación cinema e nación

A profesora e investigadora Margarita Ledo realizou na súa intervención unha explicación da relación que se desenvolveu entre o nacionalismo e o cinema antes do golpe. Para iso fixo un percorrido polos “vinte dourados anos” entre 1916 e 1936 que viviu o cinema coa creación do primeiro filme galego de fición ‘Miss Ledya’ (1916, José Gil), e a chegada do primeiro filme nacional galego con ‘Galicia’ (1936, Carlos Velo), “un periodo luminoso que propicia iniciativas e propostas cuxa diversidade de protagonistas permitiron soñar cunha sociedade en marcha, cunha Galiza mellor”.

Destacou Ledo que entón había ansia por experimentar e aplicar, por levar adiante iniciativas e expresións creativas, así como un afán divulgativo do que era o país. Como figuras destacadas, falou a profesora de Ramón e Enrique Barreiro ou o pintor Ramón Peña, así como de Castelao (que debuxou escenas sobre celuloide, fixo un cameo en ‘Miss Ledya’, ou que é base da película de José Signo ‘La tragedia de Xirobio’ baseada nun dos relatos de ‘Cousas da vida’).

Tamén fixo referencia a como o primeiro de outubro de 1932 se estreou no Teatro Principal de Pontevedra un noticiario que se retornou ao público en 2015 no Museo de Pontevedra, así como ao trenzado entre a vangarda fílmica, a toma de posición sobre o país , e a utilización da lingua galega.

A xornada estivo acompañada da actuación musical de MJ Pérez, quen interpretou tres pezas relacionadas coa memoria histórica: ‘A peza solta’, ‘Casandra’ e ‘Quen a ferro mata’.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.