A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na presentación do calendario solidario do Colexio Atlántida de Vigo a favor das persoas con esclerose múltiple

12/12/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves xunto co director do Colexio Atlántida, Félix Lourido, e o profesor e impulsor da iniciativa, Emilio Rodríguez, na presentación do calendario solidario co que este centro educativo vigués apoiará as persoas con esclerose múltiple. “En só uns anos -sinalou a vicepresidenta- os vosos calendarios xa se converteron nunha tradición que alegra os nosos fogares e contribúe a apoiar importantes proxectos, actividades e servizos que realizan asociacións de Vigo”. Con esta iniciativa –engadiu- “gota a gota vos mollades e nos mollamos por unha enfermidade coñecida como a das mil caras. Pero ningunha que nos deteña, como lembran desde AVEMPO (Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra), á que ides axudar con todo o recadado”.

Luisa Sánchez puxo en valor a implicación do colexio e o labor de AVEMPO “cos que colaboramos tamén desde a Deputación para ofrecer mellores servizos ás persoas doentes”. A vicepresidenta provincial trasladou o apoio da institución e asegurou que “traballamos ao voso carón para converter esta provincia nun lugar mellor para todas e todos”.